A guerra do fin do mundo

Estes días teño como lectura esta novela de Vargas Llosa publicada en 1981, que recrea literariamente a “guerra do canudos” no Brasil de 1896. A trama central é o conflito aberto entre os campesiños liderados por un fanático relixioso e os militares mandados a instancia dos grandes intereses económicos.

Hai todo un relato que ensina como o desfigurar a realidade e apostar por unha visión distorsionada, facendo da mentira a verdade leva ao fanatismo. Así como a mistura de política, relixión, miseria, explotación, barbarie e crueldade. A insurrección popular encabezada polo “profeta” Antonio Conselleiro vai a desenvolver a súa peculiar liberación e travesía do deserto ata a suposta terra prometida, construirá o seu propio templo e anunciará a vida do Anticristo ata desencadear a guerra do fin do mundo.

Esta novela parece oportuna, máis cando – na madrugada deste mércores pasado – estábamos á expectativa do que ía a acontecer con esa ameaza que anunciaba “a fin de toda unha civilización”. No seu día Saramago, e as letras portuguesas, creron que Vargas Llosa fixera un plaxio de Euclides da Cunha. En calquera caso, hoxe podería terse inspirado en Trump, Israel e todos os implicados en Ormuz.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-04-10/a-guerra-do-fin-do-mundo-848177.html

Un mundo de palabras

E se fora certo que escribimos porque non nos gusta o mundo e buscamos un xeito de transformar a realidade? Iso é o que din da literatura, cuestión que tamén está na orixe do propio xornalismo. Incluso, moito antes de inventarse a escritura, pintábamos historias nas cavernas. Saramago así o cría.

Teño a frustración de non saber das conversas deste co ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Na obra do Nobel portugués, “O ano da morte de Ricardo Leis” acaba coa frase “aquí onde o mar acabou e a terra espera”. Esta podería ser perfectamente unha referencia á nosa cidade.

A virtude da literatura está na súa capacidade de transformar os lugares e ás persoas comúns en personaxes literarios. Así, dicía José Saramago, en referencia ao seu avó, que o home máis sabio que el tivera coñecido non sabía ler nin escribir. Pero el e todas as persoas reais que tiña coñecido eran os seus mestres de vida.

A lectura transforma o noso mundo interior, fainos libres. Talvez por iso siga sendo estraño levar un libro ou un xornal nas mans, convertendo este simple acto nun feito revolucionario. Son dos que, igual que o portugués, pensa que ademais das conversas das mulleres, son os soños os que sosteñen ao mundo na súa órbita.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/mundo-palabras-5102508

Fra Molinero, narrador

Estes días, que ando ordenando libros, dinme conta de que Fra Molinero e Saramago si, comparten vocación literaria, pero tamén título novelesco. As dúas obras, aínda que diferentes, xiran arredor do mito da caverna. Na miña memoria, de ex alumno do Concepción Arenal, están aqueles comentarios – máis próximos á filosofía que a súa materia de Historia – que Fra facíamos del. Así que para nada “La caverna de Platón”, esta editada por Edicións Esquío e cunha portada de Manuel Patinha, fórame un título estraño para o meu profesor.

A capacidade de contar historias vén de algo tan subxectivo como a apreciación que temos do que vemos ou pensamos. Por iso, se partimos dun mesmo feito ou dunha mesma lenda, unido isto a posibilidade de fabular a realidade – que diría Vargas Llosa – levaranos por múltiples camiños e algúns impensables.

Todo comezou arredor das sombras dunha fogueira hai miles de anos, e á necesidade de manter a súa memoria. De que transcendera alén na nosa propia existencia persoal. Así, hai tempo que o asunto é a disciplina de sentarse a escribir. Coñecer aquelo sobre o que vas ficcionar e ter as palabras axeitadas para cambiar esa realidade. Si, as palabras que cambian o mundo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/fra-molinero-narrador-4409042

Miscelánea

O tempo dirá se, a asemblea de onte, é a máis importante das últimas décadas para os traballadores de Megasa. Acontece isto por un exemplo claro de como o dereito de propiedade -que sempre debe estar supeditado ao interese xeral- vulnera os dereitos laborais. Como diría Bensaïd a propiedade duns poucos é a desposesión dos demais.

O PSOE ten unha oportunidade en Podemos, se aparta a quen o ata ao pasado inmediato da crise. Estou cos socialistas gregos integrados en Syriza e porque cambiemos o mundo de base. O camiño das esquerdas está na súa unidade, programa e hexemonía.

Engado á miña biblioteca o “Alabardas” de Saramago. A novela que el non puido rematar. Isto déixanos a posibilidade de ir quizais polos mesmos camiños do portugués. Ser o Artur Paz Semedo que busca a verdade da fábrica de armamento e das súas reflexións sobre o lado escuro da política.

Enlace web a Diario de Ferrol.