A pataleta

Imos ter doce candidaturas para as municipais en Ferrol, e o prazo de presentación aínda acaba o 15 de abril. Si, no noso caso, á crise económica xeral súmase unha evidente de identidade local. Esta última produto da inestabilidade e do bloqueo á que foi sometida a actividade diaria do Concello e que derivou nunha desafección xeneralizada, por parte da veciñanza.

Así, xunto a esa pluralidade, hai unha inestabilidade enorme na confección das candidaturas que, en moitos casos, non son máis que pataletas persoais que se non son satisfeitas, ameazan -non sei- se coa tormenta perfecta ou co tormento eterno.

Quizais a pataleta máis salientable sexa a de Beatriz Sestayo que sabedora da súa derrota, presentouse por candidato interposto ás últimas primarias socialistas, e rechazada -tamén- a súa candidatura a deputada nacional, pretende vulnerar o mandato que a militancia outorgoulle a Ángel Mato.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-pataleta/20190327222606252222.html

Temos orzamentos

O sentido común volve ás formacións da esquerda ferrolá. A cidade contará cun novo orzamento, condición primeira para saír da situación actual de parálise administrativa. Si, non foron quen de poñerse de acordo en tres anos, e acadaron o acordo máis importante de todo o mandato municipal nuns poucos días. Son moito mellor uns supostos malos orzamentos, que non telos pola incapacidade de non antepoñer os intereses de Ferrol.

O outro asunto, pero que tamén ten a súa importancia, aínda que tapado pola aprobación das contas municipais, foi a sentenza xudicial que anula o reparto das dedicacións exclusivas, entre o PP e o populismo autoritario local. A mensaxe é clara: as retribucións económicas veñen dadas da responsabilidade na xestión municipal, non dun reparto caprichoso.

Quedan abertas as municipais do 2019. Espérase autocrítica, responsabilidade e renovación fonda nas listas da esquerda.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/temos-orzamentos/20180516232625226019.html

Villoslada desde a esquerda

A militancia socialista galega vai a elixir ao novo secretario xeral sufrindo unha campaña estraña. Axentes externos -a dereita mediática e o secretario xeral do PPdeG– fixeron todo o posible para conducir o voto das e dos militantes á “coalición” Leiceaga – Caballero, da que forman parte xentes de toda a vida como Pepe Blanco, Pachi Vázquez e Beatriz Sestayo. Eles din que son o “non aparato” e a “renovación”.

Así, para este domingo a voceira municipal espera capitalizar o seu apoio a un Gonzalo Caballero que -fai un tempo- non tivo problema en aplaudir a política económica de Rajoy. Pero, tamén obrigará a ir coa lingua de fóra a aqueles que queiran presentarlle candidaturas alternativas para o Congreso do PSdeG, xa que terán que saír correndo para o día seguinte poder presentarllas ás once horas. É tempo de cambiar aos que levan toda a vida en política, por iso eu aposto por Villoslada.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/villoslada-desde-a-esquerda/20171004230628204552.html

Outra oportunidade

A vida sempre dá oportunidades para rectificar e andar novos vieiros. Así a posibilidade dun acordo das esquerdas ao que deberían sumarse os nacionalistas, para ter os primeiros orzamentos deste novo mandato municipal, é unha oportunidade para todos eles. Rectificar a deriva a ningures que leva dende hai tempo o noso Concello. Non debería haber liñas vermellas infranqueables, senón a posibilidade dun verdadeiro encontro dos partidos progresistas.

Hai ademais que darlle o empurrón definitivo á remodelación da nova praza de Armas e á peonalización da Magdalena, cuestións que xa foron refrendadas pola cidadanía cando votaron unha maioría de esquerdas para Ferrol, nas últimas eleccións locais. Esperemos que esta oportunidade sexa aproveitada por todas as implicadas e implicados, que non sexa unha serpe de verán. Xóganse moito as esquerdas ferrolás, a súa credibilidade para o resto do mandato.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/outra-oportunidade/20170705214514195195.html