Manuel Lago

Vaia por diante que non teño ningunha relación con Manuel Lago que, recentemente, acaba de ser nomeado conselleiro de Navantia. Nin coincidimos no campo sindical nin na filiación política. Pero, si son consciente de quen estamos falando. Persoa solvente, economista que leva toda a vida vinculada ao movemento sindical, profesor da Universidade da Coruña, ex director financeiro da TVG…

O seu currículum é o seu mellor aval. Obviamente, para ocupar un posto que depende do ministerio de Traballo, da ferrolá Yolanda Díaz, nunha empresa pública como da que falamos, non resulta estraño este nomeamento. Senón, a quen ían nomear? A “un amigo” de Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG?

Vén isto a conto, porque creo que as persoas merecen respecto e non ser insultadas por acceder a un posto de representación e máis se veñen avaliadas polo seu perfil profesional e social. Manuel Lago cumpre sobradamente.

Diario de Ferrol, 10 de Febreiro de 2021

Fuco Buxán e “O Segredo da Frouxeira”

Este xoves o Teatro Jofre de Ferrol estaba ó completo (ver fotos). Non cabía ninguén máis. Era a estrea do documental “O Segredo da Frouxeira”; un proxecto común que desde a Asociación Cultural Fuco Buxán e os amigos da Asociación de Memoria Histórica Democrática e da Fundación 10 de Marzo, tíñamos unhas grandes ganas de ter consumado.

Este documental magnificamente realizado polo amigo Xosé Abad – e acompañado na fotografía por Suso Bello, na montaxe por Sandra G. Rey, na produción por Héctor Diéguez, na música orixinal por Marcelino Galán, a voz solista é Estíbaliz Espinosa e o son foi a cargo de Zen Audio Pro – relata a represión fascista no antigo Concello de Serantes (hoxe integrado no de Ferrol) en 1937 que acabou cos asasinatos do seu alcalde republicano Alejandro Porto Leis e os tres amigos que o ocultaron até que os catro foron “paseados” na Praia da Frouxeira (Valdoviño): Modesto del Río Polo, Jesús Miño Loureiro e Avelino Landeira Maneiros .

Reconstrúe a vida destas persoas boas, e tamén das súas familias. Os fascistas non contentos cos asasinatos, propagaron infamias sobre eles, e conseguiron afastar aos propios familiares uns doutros, sementando dúbidas sobre eles. O documental é unha achega á verdade histórica, pero tamén á reagrupación destas familias que dobremente pagaron a envexa e a barbaridade do franquismo.

A proxección, desde os primeiros minutos, encheron ao auditorio dunha forte carga emocional, e que a duras penas logramos conter a bágoas. A baixeza falanxista, as testemuñas, a confesión – cuxo orixinal atópase no Arquivo Militar de Ferrol – conseguida baixo tortura e asinada coa propia sangue de Porto Leis, o roubo dos bens dos represaliados, as vidas frustradas dos fillos…

Como o documental conta co apoio de diversas Institucións, entre elas a propia TVG, é de esperar que pronto chegará ao público galego. Tamén colaboraron os Concellos de Ferrol e da Coruña e a propia Deputación. Sexa pola tele ou directamente a través do DVD non volo perdades, paga a pena. Os figurantes son membros do grupo ferrolán Bartoleta Teatro e da propia Fuco Buxán.

Non é a primeira vez que Xosé Abad participa nun proxecto con  Fuco Buxán, leva xa moito tempo colaborando coa nosa revista “Razón Socialista”, así como na homenaxe galega a Isaac Díaz Pardo. Grazas Xosé, polo teu compromiso e profesionalidade.