Benvida señora ministra

Estimada ministra Margarita Robles sexa vostede benvida. Escúsenos se, por un intre, podemos parecer malos anfitrións. Si, hai quen ten gañas de apurar un titular de prensa, de colarse na súa foto. Non se preocupe, o próximo día 21 de xaneiro, todas e todos estarán con vostede celebrando a súa visita a Ferrol. Ninguén quere quedarse sen a foto das F-110, aquí considerado case como o novo maná bíblico.

Non se tome a mal a “radicalidade” da dereita no Congreso a prol do dique seco, que eles non contemplaron, nin crea -a pesar diso- que a cuestión de Navantia é menor, e menos cando outros, o primeiro que fixeron, foi cuestionar a Susana Sarriá e pedir que volvera a anterior dirección do PP.

Ferrol ten unha esperanza confusa, respira con alivio coas novas contratacións pero tamén algo está roto dentro de Bazán, entre prexubilables e os que quedan. Pero iso é algo que só os traballadores do naval poden solucionar.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/benvida-senora-ministra/20190109223954244953.html

Fragatas F110

Onte víamos ao ministro Montoro fachendoso na presentación do proxecto de Orzamentos. Unha das partidas que máis crece é a dedicada á defensa nacional, cuestión que para Ferrol implica abrir unha nova etapa, como é a do inicio da construción do novo modelo de fragata F110 e que vai beneficiar -directamente- a ocupación de Navantia. Foi esta unha demanda dos traballadores e unha reclamación da Armada, necesitada dunha renovación da súa flota.

O curioso é que saímos beneficiados do molestos que están na OTAN, co éxito de Rusia na guerra de Siria contra o Daesh, e que reclama unha suba do gasto militar aos países membros. Fronte a isto, non hai nada reseñable para Feve, as Pías, o tren Ferrol Coruña ou nada que implemente o noso porto exterior. Os impostos van a cargo dos traballadores, parados e clases medias. Ah, a Garda Civil é convertida por Montoro en axudante do shériff de Nottinghan.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/fragatas-f110/20180404222656221668.html

Anacleto

O Anacleto era aquel axente secreto para misións imposibles, que saíu das mans do ilustrador Manuel Vázquez Gallego da Editorial Bruguera. Vén isto a conto porque -e perdoen a confianza- foi un recordo que se me veu á cabeza, cando tamén acompaña ao traballador de Navantia, Xoaquín García Sinde, na súa denuncia ante os medios de comunicación, do veto recibido polo CNI.

Senón, xa me explicarán cómo é posible, nesta cidade onde todos nos coñecemos, que os nosos servizos secretos fagan un informe para denegarlle a alguén a habilitación por cuestión de seguridade. Negándolle así poder acceder a determinadas seccións da naval.

Isto non é cousa nova. Hai un tempo, un amigo avogado contábame como chegara ás súas mans un informe fotográfico, onde apareciamos xentes da esquerda ferrolá do entorno do Comité de Emerxencia. Engadir a pretensión de algunha “autoridade” de vincularnos a “grupos radicais” pola nosa oposición a Reganosa. Así, grazas á dereita as nosas forzas de seguridade van, como Anacleto, en misións inauditas.

Enlace web a “Letras de Cambio”, Diario de Ferrol.

A carta

Os “bolcheviques” do PP diante da SEPI

Dende logo o PP ten capacidade mediática. Douscentos cargos públicos en autobuses a Madrid. Mais, erraron no seu camiño; ían pedir contas polo naval, pero foron xustiño a xunto de aqueles que están postos a dedo. É de supoñer que estes últimos lles aclararían que só son uns mandadiños.

Se fosen a ver a ese ilustre galego que preside o Reino de España, ou cando menos ao ministro do ramo, sería máis creible. Pero, está ben saber que a dereita local, acompañados de Juan Fernández, son o sector bolchevique do PP. Iso si, faltaba o ilustre director xeral da Garda Civil. Aínda así, imaxino a cara de estupor dos policías que tiñan diante.

Pero, que quede tranquilo o alcalde de Ferrol. A súa carta chegoume. Mais, igual resulta que pensa que o Goberno non goberna e que os directivos do naval non foron postos aí pola dereita. Alcalde, vémonos no próximo piquete?

Enlace a @DiarioFerrol