Pedro Sánchez

Non será a súa primeira vez en Ferrol. Estivo como un descoñecido candidato a un primeiro mandato como secretario xeral do PSOE, co tempo e tras aquel “famoso” Comité Federal de 2016 recuperouno por desexo da militancia, obtendo en Ferrol maioría absoluta. A súa coordinadora de campaña para Galicia foi a actual concelleira de benestar Eva Martínez. Quen subscribe esta columna foi o interventor da súa candidatura na agrupación local.

Con Pedro Sánchez en Ferrol, ábrese definitivamente a construción das novas F110, que será o maior investimento en Navantia en décadas. Co hoxe presidente fíxose fronte á pandemia e á suba especulativas da enerxía e carburantes. Seguramente, a situación obrigou como nunca a apostar polo realmente importante: as persoas, fronte as insolidariedades das dereitas e ultras. O certo é que Pedro Sánchez preside o goberno español máis á esquerda de toda a nosa democracia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pedro-sanchez-3527086

A espera

Estes días son de espera por novas boas para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Parece que, a pesar da tormenta perfecta que están a organizar os ultras e as súas comparsas do PP e Cs, haberá investidura de Pedro Sánchez.

Nestas terras pedimos que todos aqueles asuntos que foron adiados polas “políticas” da dereita por beneficiar á “súa base social”, logren chegar a bo porto. O novo goberno de España debera traernos as F110, unha oportunidade para As Pontes e unha tarifa eléctrica competitiva para a industria.

Fronte ás esperanzas está esa dereita radicalizada, que ameaza con usar a determinados tribunais cuxos xuíces xogan a facer política rancia, para paralizar a acción dun goberno lexítimo. Chegados a ese punto, as e os traballadores deberemos axudar a consolidar a Coalición Progresista e as esperanzas da cidadanía. Será necesaria unha folga xeral contra unha CEOE e unhas dereitas hiperventiladas?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-espera/20200102002049271553.html

Ferrol central

A curiosidade fixo que escoitara, parte das intervencións deste luns do Congreso, para a reelección de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España.

Para Ferrol ten unha especial importancia porque están en xogo os orzamentos das F110 e outras infraestruturas, pero tamén por cuestións que vanse abrindo camiño a poucos, como é a calidade do aire que respiramos e a necesidade de sacar do casco urbano os vehículos.

Refírome a esa pasaxe do discurso de Sánchez, no que anuncia unha lei para obrigar aos concellos de máis de 50.000 habitantes (Ferrol supera esa cifra) a asegurar un aire limpo para respirar, a colación da súa defensa do Madrid Central.

Días atrás saía o estudio de Ecoloxistas en Acción “La calidad del aire en el Estado Español 2018”, cun apartado para Ferrol con deberes e esixencias específicas. Onte, Europa levantaba a moratoria e anunciaba sancións contra España polos incumprimentos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ferrol-central/20190724224732261271.html

Benvida señora ministra

Estimada ministra Margarita Robles sexa vostede benvida. Escúsenos se, por un intre, podemos parecer malos anfitrións. Si, hai quen ten gañas de apurar un titular de prensa, de colarse na súa foto. Non se preocupe, o próximo día 21 de xaneiro, todas e todos estarán con vostede celebrando a súa visita a Ferrol. Ninguén quere quedarse sen a foto das F-110, aquí considerado case como o novo maná bíblico.

Non se tome a mal a “radicalidade” da dereita no Congreso a prol do dique seco, que eles non contemplaron, nin crea -a pesar diso- que a cuestión de Navantia é menor, e menos cando outros, o primeiro que fixeron, foi cuestionar a Susana Sarriá e pedir que volvera a anterior dirección do PP.

Ferrol ten unha esperanza confusa, respira con alivio coas novas contratacións pero tamén algo está roto dentro de Bazán, entre prexubilables e os que quedan. Pero iso é algo que só os traballadores do naval poden solucionar.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/benvida-senora-ministra/20190109223954244953.html