Miguel Tellado: unha oportunidade perdida

A verdade que seguín con moito interese a entrevista, do día 9 de febreiro, a José Manuel Rey na Cadena Ser Ferrol. A miña sorpresa foi, cando cun xogo de palabras para oíntes non moi atentos, o candidato municipal da dereita parecía dicir que, finalmente, Ferrol si ía estar no chamado Corredor do Atlántico para mercadorías en ferrocarril. Incluso el agradecía a presentación da moción presentada polo seu partido no Senado e defendida polo ferrolán Miguel Tellado, compañeiro de escano de Núñez Feijoo.

Levado por esa primeira impresión, rebusquei na prensa por si en verdade a Xunta de Galicia fóra quen de rectificar. Pero, nada de nada. Así que decidín ir as fontes orixinais e ante a pouca información que lograba da propia páxina do Senado. Grazas á deputada Natividad González, puiden facer unha lectura máis polo miúdo do Diario de Sesións e da moción presentada pola dereita.

En conclusión. Miguel Tellado defende no Senado a proposta orixinal da Xunta onde Ferrol queda fóra do Corredor. Así que ese “Ferrol ten que estar”, non é – no mellor dos casos – máis que un simple desexo de Rey Varela. O certo é que a intervención de Miguel Tellado é unha ocasión perdida para o avance de Ferrol e comarca.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/miguel-tellado-unha-oportunidade-perdida-4176548

A mala educación

Hai seis días este xornal publicaba a crónica sobre a polémica xerada por Rafael Domínguez, voceiro do PP de Pontevedra, ó referirse a Ferrol de xeito inapropiado, cando ademais pretendía quedar ben coa patronal de ENCE. É dicir, un asunto alleo á nosa cidade. Mais, o salientable non foi unha esperada rectificación do dirixente pontevedrés, senón que tanto o presidente da Xunta como o secretario xeral do PPdeG alimentaban esas desafortunadas palabras.

Está o PP introducindo, sen máis, a mala educación na política galega? Son distraccións?Forman parte xa desa desaforada carreira para ser tan repelentes como a extrema dereita? Ou quizais, e máis neste 10 de marzo, buscan crear ruído porque, tras unha longa década de gobernos de Núñez Feijóo e a falta dunha política industrial, así como a súa reforma laboral – aínda en vigor – traen como consecuencias crise e un páramo económico imposible de ocultar?

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2781517/mala-educacion

Manuel Lago

Vaia por diante que non teño ningunha relación con Manuel Lago que, recentemente, acaba de ser nomeado conselleiro de Navantia. Nin coincidimos no campo sindical nin na filiación política. Pero, si son consciente de quen estamos falando. Persoa solvente, economista que leva toda a vida vinculada ao movemento sindical, profesor da Universidade da Coruña, ex director financeiro da TVG…

O seu currículum é o seu mellor aval. Obviamente, para ocupar un posto que depende do ministerio de Traballo, da ferrolá Yolanda Díaz, nunha empresa pública como da que falamos, non resulta estraño este nomeamento. Senón, a quen ían nomear? A “un amigo” de Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG?

Vén isto a conto, porque creo que as persoas merecen respecto e non ser insultadas por acceder a un posto de representación e máis se veñen avaliadas polo seu perfil profesional e social. Manuel Lago cumpre sobradamente.

Diario de Ferrol, 10 de Febreiro de 2021

Mesa pola Industria

A dereita está botada ao monte e teñen pésima memoria. Foron Aznar e Rato quen privatizaron en 1997 as eléctricas e converteron Endesa nunha empresa privada. Quizais, cando acusan ao goberno socialista de “querer pechala”, realmente están a propoñer a súa renacionalización? Sería isto válido para Alcoa?

Tamén son responsables da Lei 6/1998 que “liberalizou” o chan, provocando a burbulla do ladrillo e a crise económica e bancaria do 2008 que “obriga” a Zapatero a modificar a Constitución. É Soria – a instancia de Feijóo – quen saca a orde IET 2013/2013 que modifica o sistema de interrumpibilidade, creando o actual caos nas industrias electrointensivas.

Sería axeitado un pouco de mesura por parte dos señores Tellado e Calvo e dos seus compañeiros do PP. Sería mellor que sumáranse á mesa proposta polo alcalde Ángel Mato, poñer propostas e solucións en común para Ferrol, As Pontes e esta comarca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mesa-pola-industria/20200115210903272604.html

Villoslada desde a esquerda

A militancia socialista galega vai a elixir ao novo secretario xeral sufrindo unha campaña estraña. Axentes externos -a dereita mediática e o secretario xeral do PPdeG– fixeron todo o posible para conducir o voto das e dos militantes á “coalición” Leiceaga – Caballero, da que forman parte xentes de toda a vida como Pepe Blanco, Pachi Vázquez e Beatriz Sestayo. Eles din que son o “non aparato” e a “renovación”.

Así, para este domingo a voceira municipal espera capitalizar o seu apoio a un Gonzalo Caballero que -fai un tempo- non tivo problema en aplaudir a política económica de Rajoy. Pero, tamén obrigará a ir coa lingua de fóra a aqueles que queiran presentarlle candidaturas alternativas para o Congreso do PSdeG, xa que terán que saír correndo para o día seguinte poder presentarllas ás once horas. É tempo de cambiar aos que levan toda a vida en política, por iso eu aposto por Villoslada.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/villoslada-desde-a-esquerda/20171004230628204552.html