Lei Celaá

Quero ser respectuoso coas persoas. Mais, non deixa de sorprenderme que unha caravana de coches ou colexios concertados con lazos laranxas propaguen bulos, simplemente, porque non aceptan a capacidade das persoas de elixir libremente. Un pode ter a posición ideolóxica que queira ou vivir como considere (e na maioría dos casos como pode). Pero non se pode usar a mentira como estratexia, e todo para buscar bronca política.

Precisamente, a última reforma educativa vai garantir que as familias si poidan elixir libremente o centro público ou concertado que queiran e non ser discriminadas se non poden pagar as diversas taxas que poñen nesta última para segar o perfil, excluíndo ás familias máis vulnerables. Deberán ter os mesmos baremos que na pública, non poderán discriminar as nenas e deberán garantir a competencia tanto en castelán como en galego (tal e como di a nosa Constitución e o noso Estatuto).

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ley-celaa/20201124223905292159.html

Tres meses

Pasados tres meses, aqueles que estaban acosando ao goberno de Pedro Sánchez, pedían a fin do estado de alarma e que as Comunidades Autónomas asumiran a loita contra a Covid-19, agora piden o contrario.

Sabemos que, aparte de eludir as comparecencias de Feijóo para explicar se están facendo algo ou non, a Xunta de Galicia minte nas cifras de rastreadores, así o denunciaban os propios sindicatos sanitarios. Tamén pretenden distraernos da súa ineficacia, enleando ao Delegado do Goberno, como aos propios alcaldes e policías locais que carecen, obviamente, dos recursos da administración autonómica.

Nada sabemos dos centos de profesores que, a maiores, hai que contratar como reforzo e das melloras que os centros de estudio teñen que ter para poder acoller con garantías ás nosas fillas e fillos. Feijóo debe tomar nota da petición dos alcaldes de Ferrolterra, en definitiva que exerza como presidente da Xunta.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/tres-meses/20200818222927286556.html

Obsesións neocons

“A obsesión pola igualdade foi un dos grandes males endémicos do ensino, convertido nunha máquina de xerar parados e no que sobran universitarios que deben ser trasferidos á formación profesional”. Quen fai esta afirmación é un exdirectivo de Merrill Lynch, vinculado a unha fundación da banca española. Novamente, veñen a nós propoñer unha serie de reformas que buscan a desaparición do ensino público e aumentar a precariedade laboral.

Deixemos claro algunhas cuestións básicas. Temos unha organización da economía e das empresas obsoletas, que obedece máis a cuestións ideolóxicas e a aceptación dun papel subsidiario dentro da Unión Europea e que explican a falta de liderado da gran patronal española e o seu carácter clientelar. Así, tamén, por eficiencia económica e organizativa, e por coherencia democrática, toca que as e os empregados participen da xestión directa das grandes e medias empresas.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/obsesions-neocons/20160331002905150302.html

Reválidas

O PP ten alporizados aos pais, nais e alumnos, reincorporando as vellas reválidas do franquismo en Primaria, ESO e Bacharelato. Seguirán coa súa teima de converter o ensino nun negocio máis, e separando aos alumnos e alumnas en función da súa orixe social. Pero, tamén, imos ver o nocivos recortes nos centros públicos e van ser uns exames as súas políticas sociais, aínda que pretendan ocultalo.

A dereita persegue establecer un mapa de centros de aqueles que -supostamente- prestan unha maior calidade educativa, para así introducilos nunha aberrante competencia, e seguir homologando -ás agachadas- á educación concertada/privada que si necesita ser controlada polas reválidas. Como mostra unha anécdota, acontecida nun colexio concertado de Ferrol, a dun alumno que reprende ao seu profesor porque “atrévese” a suspendelo, cando “el é quen paga a súa nómina”.

Enlace á columna “Letras de Cambio”, Diario de Ferrol.