A política é moi efémera

A frase da cabeceira tómoa prestada do discurso de Pepe Álvarez, secretario xeral da Confederación da UGT, ante unha nutrida asemblea de delegadas e delegados onte en Santiago. Seguro que representa o momento que vivimos, onde as noticias devóranse unhas a outras en breves chiscos. Por iso resulta necesario alcanzar consensos para resolver o de Cataluña ou o reparto da suposta recuperación económica, ademais cos dereitos sociais -imprescindibles- para a existencia dunha democracia efectiva.

Quizais do máis salientable de onte son as apostas pola feminización do sindicato e do propio tecido laboral con igualdade de salarios e dereitos, xunto coa loita contra a violencia de xénero. Así como o anuncio dunhas xornadas sobre cambio climático e incendios, a facer cos sindicatos portugueses, e a petición dun plan estatal de limpeza de bosques e ríos, que aporte seguridade e emprego.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-politica-e-moi-efemera/20171109013241208232.html

Irresponsable

A actitude do presidente Feijóo é a propia de quen se considera irresponsable en materia política. Incapaz de asumir ningunha autocrítica, incapaz de amosar ningunha empatía coa traxedia destes días. De aí o apagón informativo inicial nos medios públicos que controla o PP, de aí buscar fóra responsables: Portugal, a veciñanza que non denuncia aos supostos pirómanos ou tramas organizadas que buscan evitar avaliar o que se fixo mal ou, simplemente, aquelo que non se fixo.

O certo é que a xente estivo soa, sen medios, sen brigadas contraincendios suficientes, sen saber ben como facer porque non se coñecen protocolos de actuación. É evidente que hai que aumentar os medios e o persoal, que non se poden permitir recortes ou que as cantidades asignadas non se executen. Que necesitamos unha política forestal e de recuperación de poboación no rural, que hai que ordenar en definitiva a nosa casa.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/irresponsable/20171018232933205918.html