Tres meses

Pasados tres meses, aqueles que estaban acosando ao goberno de Pedro Sánchez, pedían a fin do estado de alarma e que as Comunidades Autónomas asumiran a loita contra a Covid-19, agora piden o contrario.

Sabemos que, aparte de eludir as comparecencias de Feijóo para explicar se están facendo algo ou non, a Xunta de Galicia minte nas cifras de rastreadores, así o denunciaban os propios sindicatos sanitarios. Tamén pretenden distraernos da súa ineficacia, enleando ao Delegado do Goberno, como aos propios alcaldes e policías locais que carecen, obviamente, dos recursos da administración autonómica.

Nada sabemos dos centos de profesores que, a maiores, hai que contratar como reforzo e das melloras que os centros de estudio teñen que ter para poder acoller con garantías ás nosas fillas e fillos. Feijóo debe tomar nota da petición dos alcaldes de Ferrolterra, en definitiva que exerza como presidente da Xunta.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/tres-meses/20200818222927286556.html

Saúde!

Estamos na etapa do post confinamento e todo o mundo pendente dos brotes e rebrotes. Pero, polo que din as fontes oficiais dependentes da Xunta de Galicia, a área sanitaria de Ferrol, Eume e Ortegal é unha zona libre de Covid-19.

Deberíamos alegrarnos, pero á cidadanía non lles calma informacións que parten duns gobernos autonómicos que gritaban contra Pedro Sánchez e, agora, escabullen o vulto pedindo unha “coordinación estatal”, cando son eles os que decidiron xestionar a loita contra o virus. Se o Estado volvera a asumir a dirección sería polo fracaso, no caso galego, de Feijóo.

Na zona de Ferrol temos máis de medio millar de casos inactivos e, lamentablemente, trinta e tres mortes. Así que manda a prudencia polo desenvolvemento do verán e sen entender por que o Sergas pecha camas hospitalarias, a atención ambulatoria é por teléfono e outras contradicións. En fin, que todo saia ben. Saúde.

O Sergas, condenado

O Sergas acaba de ser condenado a indemnizar a un veciño de Narón pola morte da súa esposa, e xa non é o primeiro caso. Hai recentemente, tamén, a dunha parella por tardar dous anos en dar os resultados dun cribado neonatal. É evidente que hai unha mala praxis asistencial, por moito que xudicialmente dígase que é “unha perda de oportunidade terapéutica”. Se todas e todos temos unha boa impresión da nosa sanidade pública e do esforzo do seu persoal, empezando polo Arquitecto Marcide. Entón, que pasa?

Este tipo de noticias contrastan cun persoal sanitario que dedica moitos esforzos para atender adecuadamente ás e aos pacientes, que están nunha formación e unha renovación continuas do seu compromiso sanitario. Fronte ao esforzos desta xente, están os recortes, a reducción de persoal e o recente peche de camas, cuestións que desbordan aínda máis as urxencias hospitalarias que vimos estes días.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/o-sergas-condenado/20170712233104195898.html

Negocio Sanitario

Non teño dúbida de que a información publicada por este xornal sobre o aumento do gasto sanitario en Galicia é certo. Ademais, a fonte era o propio Ministerio e non a Xunta de Galicia. O que pasa é que desde que manda o Presidente Feijóo volveron a priorizar a sanidade privada. Aí está a proposta de facer novos hospitais con capital privado, a cambio de moitos anos de concesións privadas en contra dos nosos dereitos e servizos sanitarios públicos.

O dereito á saúde é un dereito constitucional, ademais, desenvolvido na Lei Xeral de Sanidade. E isto implica o carácter estratéxico e principal da sanidade pública, e non ó revés. Cómpre a utilización e implementación de todos os recursos públicos en Ferrolterra; ou dito doutro xeito, o que queira sanidade privada que a pague do seu peto.

Resulta rechamante que o PP galego pretenda a privatización da sanidade pública, seguindo o fracaso de Esperanza Aguirre e Francisco Camps, cando ademais Obama intenta pór orde nos EEUU, modelo neoliberal que fai auga por todos os lados, xa que aquí o principal era o negocio privado a costa da vida das persoas.

Convocados estamos pola Plataforma de Defensa da Sanidade Pública este domingo na Praza de España. A sanidade pública é unha das bases materiais da nosa democracia, cohesión social e constitucional.