Arquivo da categoría: El Correo Gallego
A crise como oportunidade
A crise afúndese na Lei 6/1998 de liberalización do chan de Aznar e Rodrigo Rato, e a complicidade de Zapatero vén por non parar a burbulla inmobiliaria. O programa deste último, estivo centrado nos dereitos sociais e unha lei de dependencia sen orzamentos suficientes. Máis acorde cunha visión radical-democrática, que cunha socialista que cuestionara a hexemonía da dereita na Transición. Un crecer para un reparto desigual.
Porén, a diferenza de Italia puidemos ir a unhas eleccións no 2011, que trouxo un goberno de Mariano Rajoy e un ministro de Lehman Brothers, Luís de Guindos. Un goberno fiable para os grandes financeiros. Agora, cando amplos sectores contestan as súas receitas, incluídos moitos dos seus votantes, o seu entorno mediático reclama a complicidade socialista.
Esgotado Rubalcaba, propoñen a un Joaquín Almunia obediente a Merkel, que recupere o voto centrista das clases medias para o PSOE (escondendo que os traballadores mileuristas e os parados son a gran maioría da poboación). Vano intento, uns están sendo proletarizados, e os que se seguen mantendo como tal clase media abandonan a idea democrática, máis preocupados pola súa carteira.
Mentres, o austericidio impide a recuperación e o crecemento; os recortes son escusas para facer negocios lucrativos. Aí está a privatización da sanidade en favor de empresas como Capio, vinculada a Rodrigo Rato e Ignacio López (esposo de Cospedal). Obviamente, unha casualidade. Un acordo ou unha gran coalición entre o PP e o PSOE só é posible aceptando as políticas da dereita, recorte das liberdades cidadás e o espolio do sector público. Suporía unha implosión dos socialistas.
A crise tamén é unha oportunidade para os cidadáns e os propios socialistas; cun amplo acordo de unidade cos movementos sindicais, sociais e do conxunto da esquerda plural. A saída da crise está en máis democracia, máis sector público e máis estado de benestar. Puro socialismo.
Enlace web El Correo Gallego
Máis PSdeG
A forza dos socialistas está na xestión do crecemento e na redistribución da riqueza; na capacidade de pór en marcha o pacto social (hoxe abolido pola dereita), pero aparentemente, agora non é quen de combinar o peso institucional coa mobilización social, coma esquerda transformadora que é. Así un partido socialista que non entendera que representa unha alianza estratéxica entre a clase traballadora maioritaria -mileurista ou fagocitada polo paro- e os sectores máis democráticos de clase media, evidenciaría a incapacidade para construír un proxecto político hexemónico.
Igualmente, non ser consecuentes co feito nacional galego e o federalismo, xunto coa falta de capacidade de decisión propia con respecto ao PSOE, converte ao PSdeG nunha franquicia, que non atrae aos sectores galegos máis dinámicos. Resulta imprescindible un PSdeG que con bases urbanas e nas comarcas, ofreza un proxecto de esquerdas e nacional, especialmente, cando a dereita está decidida a desmantelar as autonomías.
Estamos na fin do bipartidismo imperfecto e do voto útil. Os socialistas compiten xa con outras forzas, teoricamente situadas a súa esquerda, que teñen como contradición a defensa do estado socialdemócrata de benestar contra a dereita. A derrota tamén vén da loita polas listas, así como por escándalos en algúns concellos, que cuestionan a credibilidade do partido.
Só coa emenda dos erros, coa renuncia á complicidade co neoliberalismo, xunto cunha aposta pola unidade das esquerdas e un proxecto galego que teña ámbito de decisión propio, e a defensa dos intereses das clases populares e da identidade nacional galega, será posible crear os mimbres do PSdeG no medio e longo prazo. É dicir, máis PSdeG, máis esquerda e máis galeguismo.
Hai novas voces para este proxecto socialista enraizado na esquerda e no galeguismo militante. Hai unha oportunidade histórica para superar o marco político e social saído das debilidades da Transición.
Enlace ao xornal El Correo Gallego