O acerto de Armas

É evidente que a nova fisionomía da praza de Armas é un revulsivo para este espazo, así vemos como en pouco tempo, a pesar da crise sanitaria e económica, estase a encher todos os seus baixos. Á nova cafetería, en breve, sumarase un negocio de perfumería e as oficinas centrais dunha axencia bancaria. Lonxe queda a errónea proposta dun novo aparcadoiro, que segundo os técnicos íannos custar máis de cinco millóns de euros e unha nova concesión, hipotecando Ferrol.

Debemos alegrarnos dos acertos, e se hai problemas momentáneos por un mal rego dos tilos, ou porque tras un temporal mánchase un anaquiño da rúa da Terra, iso non descualifica o acerto do novo deseño de Armas. Deixemos que os que non queren que Ferrol siga adiante teñan o seu penar nas redes sociais, pero é indubidable que para o conxunto da cidadanía, a nova praza de Armas é un acerto. Agora si é un espazo gañado para todas e todos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/o-acerto-de-armas/20200902023338287349.html

Pardo Bajo

A peonalización do centro de Ferrol vai a poucos. Ademais, hai momentos que parece que con pasos atrás – como o novo aparcadoiro ás portas de Canido, que na miña opinión foi unha cesión populista, do anterior goberno, ao lobby antipeonalización – pero en calquera caso, o proceso é irreversible. De feito, o futuro nin pasa polo coche eléctrico, senón polo transporte público combinado e de balde. Ou alguén cre posible meter na nosa cidade un coche por cada veciña ou veciño?

O caso da peonalización de Pardo Bajo é unha aposta do Concello, produto dunha demanda social que ademais amosa o apoio decidido da hostalería a estes procesos. A súa reurbanización e adecuación ás novas necesidades, unha vez sexan aprobados os novos orzamentos municipais, similar tamén ao conxunto arquitectónico da Magdalena, será un espazo gañado non só por eles, senón polo conxunto da cidadanía. O dereito á cidade existe.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/pardo-bajo/20200205225003274150.html

Empatía

No xornal de onte, miraba a foto da nova sala de espera da Casa Solidaria, a correspondente a unha unidade básica dos servizos sociais do Concello. Pode parecer un tema menor, incluso haberá quen a considere innecesaria ou cuestión irrelevante. Pero, esas pequenas cousas, como é habilitar un espazo cuns asentos e calefacción, son necesarias para tratar ás persoas como merecen. Máis, nun servizo onde vense as tripas de Ferrol.

Maioritariamente, as persoas que recorren aos nosos servizos sociais son xente que están en desamparo, incrementado o seu número pola crise económica e os recortes ideolóxicos da dereita, que sempre confunde dereitos e solidariedade con beneficencia. Nunha cidade envellecida e nun asunto necesitado sempre de aumentar o seu gasto en dignificar ás persoas e as súas vidas. Por iso non existe tal gasto, senón un verdadeiro investimento produtivo en mellorar a vida na nosa cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/empatia/20200129201213273714.html

Van máis de cen días

Estaría ben que todos os grupos políticos do Concello de Ferrol chegaran a acordos de cidade, renunciando así a reiterar a situación dos últimos oito anos. Esta proposta foi un dos eixos da candidatura, e do discurso do actual alcalde Ángel Mato, durante a súa campaña electoral.

Hai moitas cuestións que resolver, así que cada quen pode facer a lista que máis lle apeteza e, seguramente, a poderíamos ampliar de xeito case exponencial. Esperemos que, das palabras e dos eternos lamentos, pasemos aos feitos.

Por poñer uns exemplos aí está a sentenza 62/2018 sobre o saneamento que, sen entrar na cuestión de fondo, si deixa claro o erro de recibir unhas instalacións cun funcionamento inadecuado e que dan orixe ao actual problema da taxa. A necesidade de pechar xa, tras trinta anos, o convenio urbanístico con Defensa ou como superar a falta de apoio da Xunta de Galicia á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/van-mais-de-cen-dias/20190925233057265483.html

Cores para Recimil

Sei que estou a cometer unha imprudencia, recoñecendo a miña ousadía ao opinar de cuestións urbanísticas, pero neste noso Ferrol, xa saben que o máis pintado é capitán.

Non podo deixar pasar, agora que están na rehabilitación integral dos dous bloques de Recimil, o que finalmente volverá a ser o seu aspecto exterior. Son dos que aínda cre que a intervención, da etapa do alcalde Irisarri, con múltiples cores (granate, laranxa, verde e ocre alternados e combinados co branco) dáballe unha necesaria alegría a este céntrico barrio.

Foi unha denuncia do PP local ante a Dirección Xeral de Patrimonio, da súa Xunta de Galicia, a que obrigou a volver ao beixe orixinal dos anos corenta. Descoñezo as razóns técnicas. Sempre dubidei se era unha cuestión patrimonial ou de aporofobia. Pero, non me fagan caso. Eu son ninguén. Aquí, o primeiro, é rehabilitar e darlle unha nova vida ás vivendas en favor da veciñanza.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/cores-para-recimil/20190821224635263111.html