As Pías

Hai obras que cambian radicalmente unha cidade e a proxectada para a reforma integral das Pías é unha destas. Tamén é certo que vén con varias décadas de atraso. Mágoa que as “cousas de palacio” vaian así. Mágoa que non viñera moito antes, houbéramos aforrado o desastre da praza de España, que só necesitaba mover “O Cabalo” e ter o aparcadoiro, hoxe existente, baixo o edificio da Xunta de Galicia.

Será unha obra que veremos rematada no novo mandato saído das eleccións municipais do 2023. Mais, é consecuencia directa dun compromiso decidido do alcalde Ángel Mato. Seguramente, un dos seus maiores empeños. Unha pegada que calquera quixera deixar e máis nunha cidade tan falta de autoestima. Seremos testemuñas dun novo Ferrol. Dun gran bulevar que conectará Caranza, Bertón, Ultramar, Telleiras, Esteiro e Recimil. Financiado a cargo dos fondos de recuperación Next Generation da Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-pias-3497103

Fochas

O goberno local de Ferrol ten un amplo programa de remodelacións de moitas das vías da cidade. Iso é algo que ninguén pode negar, á marxe de que – é certo – xa estamos de cheo nunha longa precampaña, que acabará por materializarse en maio de 2023, cando co noso voto decidamos a nova corporación. De aí que, cada vez, teñamos máis ruído e constantes saídas de ton da “leal oposición” (por usar un término monárquico… se mo permiten).

Si creo que todo o que ten que ver co mantemento da cidade debera ter un pacto que sumara a todas as forzas políticas e con achegas económicas plurianuais. Sería o sensato. Achacarllo ao alcalde, é dicir, á súa concelleira de obras Ana Lamas, o mal estado das rúas de Ferrol é pretender ocultar que vaise facendo a poucos, xa que é imposible ter “impoluta” o conxunto da cidade. É dicir, que isto é unha “herdanza”, tamén, de anteriores mandatos e así até a orixe dos tempos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3250497/fochas

Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas

Rúa da Igrexa

Á espera de solucionar as alegacións aos orzamentos municipais, incluída esa “curiosa” do PP pola porta traseira, estes días estamos vendo como xa non estamos atrapados en resolver as situacións máis complicadas da pandemia e acabou, tamén, a situación de bloqueo total que viña da anterior Corporación.

Como mostra, a presentación do proxecto de reurbanización da rúa da Igrexa, que presentaba aos medios o concelleiro Julián Reina. E aí vese como os proxectos de cidade, os que de verdade importan, por algunha “estraña” razón vanse atrasando no tempo. O proxecto orixinal, hoxe reformulado, arranca do mandato do alcalde Irisarri e do, entón, concelleiro de urbanismo Ángel Mato.

Todos sabemos da importancia e seriedade desta intervención necesaria, que necesitará do seu xusto tempo. Pero, a nova rúa Igrexa será un pulo de primeira orde para o centro de Ferrol e para o propio comercio local.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3096473/rua-da-igrexa

Tempo de bicicletas

Había cousas que ían a poucos, pero chegou a pandemia para cambiar as prioridades. Unha é o desenvolvemento exponencial do uso da bicicleta. De feito, por primeira vez, nos vindeiros Orzamentos do Estado haberá unha partida económica para este fin.

Estas cuestións van mudar substancialmente a nosa relación coas cidades e Ferrol non vai ser menos. Aí está o plan de mobilidade local á espera dun acordo entre os catro grupos políticos, baixo a atenta mirada de diversos colectivos. Agora que, todos e todas, sabemos que estes asuntos non son xa “marxinais”.

Un par de meses antes do Estado de Alarma, desde o Foro Ferrol Vivo, achegaron un documento ao Concello onde propoñíase aproveitar os espazos verdes que hai a carón da vía do tren no Ensanche A e melloras en Esteiro e Caranza. Así como unha saída desde Curuxeiras a Canido – Catabois con enlace ás praias e conexión con outros concellos da comarca.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2946177/tempo-bicicletas