Menos turistas?

Á espera de como vaia o mes de agosto, todo indica que levamos un par de anos sen esa invasión do turismo de masas, que parecía unha marea que ía expulsar á poboación da nosa cidade. Xa non se ven eses feixes de foráneos, “madrileños” na xerga galega, que tanto molestaban e nada aportaban a Ferrol, nin tampouco á hostalaría local.

Non dubido, tampouco, das cifras oficiais sobre o crecemento do Camiño Inglés, pero tamén todos entendemos que están de paso e usando os albergues habilitados, a meirande parte deles.

É certo que oímos con moita frecuencia outros idiomas, de xeito especial polo centro da cidade, pero dá sensación que son sectores de clase media que poden teletraballar desde calquera punto do mundo, ou ben xente que pasa longas tempadas na cidade, pero que ou son xubilados ou pouco fáltalles para esa nosa etapa.

De algún xeito, volvemos a transitar polas nosas prazas, sen a asfixia humana da saída da pandemia do Covid-19. É de supoñer que os aforros que supuxo tanto pechamento nesas datas, xa hai tempo que está esgotado. Iso si, na nosa comarca os prezos foron crecendo de maneira exponencial, como no conxunto do país. Seguro, que isto obriga a unha parte da xente a facer números.

https://diariodeferrol.elidealgallego.com/opinion/2026-08-06/menos-turistas-872183.html

Vivir en Ferrol?

Agora non hai unha oposición, como no mandato anterior, que poida tumbar as iniciativas do grupo de goberno, grazas á súa maioría absoluta. Pero, a propaganda non soluciona os problemas cotiás da cidadanía ferrolá. Nin tampouco o anuncio da reurbanización de grandes áreas como a do Sánchez Aguilera que, no mellor dos casos, comezará coa vindeira convocatoria electoral municipal.

Este verán vimos como se anunciaba unha suba impresionante dos prezos da vivenda, tanto para a compra como para alugueiro. Dende Canido alertaban de que veciños de toda a vida están a marchar, producindo iso que algúns levamos tempo alertando e que se chama xentrificación. Palabra que non forma parte do vocabulario político local.

Mentres, hai estudantes que están a pagar oitocentos euros por unha habitación individual en Ferrol, tal como recollía este xornal, ou vemos como se revenden inmobles da Sareb – pagada por todos para salvar á banca – a prezos desorbitados. Os únicos proxectos de vivenda alcanzable son anuncios do ministerio de Vivenda, pero que tardarán en ser realidade tanxible. E cal é o aporte das vivendas turísticas? Onde están os seus ocupantes, cun centro da cidade baleiro de turistas neste mes de xullo?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vivir-ferrol-5374146

Turismo de masas

Acaba a Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao de amosar a súa alegría polo incremento dos cruceiros que amarran en Ferrol. Resulta entendible, porque para eles todo isto representa xestión, tráfico e, obviamente, pago de taxas ao porto. Levan máis de vinte e seis cruceiros e máis de vinte mil turistas. O obxectivo é duplicar os números do ano pasado.

Pero, desde o punto de vista da cidadanía, cal é a achega deste turismo de masas a Ferrol? Sabemos que veñen coa viaxe, as excursións e o peto pechados, que non teñen

maior pretensión na nosa cidade, no noso patrimonio nin moito menos no coñecemento da comarca. No mellor dos casos, os que quedan non pasan da praza de España, de tomar un café na Magdalena ou mercar unhas sandalias.

Sabemos, tamén, que estamos ante un modelo esgotado. Só hai que mirar estes días a televisión para ver a invasión de coñecidos destinos turísticos. Así que resulta entendible que na nosa cidade haxa inquietude sumada ao malestar pola proliferación desoutro, depredador e excluínte, que representan os pisos turísticos. Igual, o mellor, sería pensar que tipo de turismo queremos antes de que sexa tarde e até onde e como queremos crecer. Que ninguén esqueza que Ferrol son as súas xentes.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/turismo-masas-4947237

O Ferrol que queremos

Recoñezo a miña preocupación ante a radicalización do discurso político, o uso das mentiras e da difamación para denigrar as políticas e aos líderes da esquerda. Algo que, lamentablemente, hai tempo que está traspasado tamén ao eido local, tanto polas redes sociais como por quen, de xeito despectivo, falan de “sanchismo”, pretendendo invocar os instintos primarios e así seguir sempre nos vellos debates de hai dúas décadas.

Pero, o certo é que somos unha cidade europea, cos problemas que puidera ter un francés ou un belga… Incluso aquelo que supuxo un agravio polo atraso nas novas infraestruturas, ten como contrapartida que tamén sabemos o que non queremos. Por exemplo: ese turismo de masas, que expulsa á poboación local e converte ás cidades en “parques temáticos”.

Fronte aos vellos debates; que tipo de turismo queremos para Ferrol? Como imos regular os pisos turísticos e facemos fronte á suba especulativa no alugueiro da vivenda? Como evitamos a xentrificación que xa se está a dar? Somos conscientes da compra masiva de inmobles por foráneos e dos cambios sociais que van a provocar na próxima década? Estamos a tempo de construír o Ferrol que queremos, reforzando o noso dereito á cidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-queremos-4058659

Cedeira

A poboación local estamos vendo este verán como temos “overbooking” de turistas. Especialmente do interior. Seguro que isto vai a ser unha situación a normalizar para os próximos tempos, cambiando moito dos nosos hábitos. Agora xa estamos a tiro de pedra e somos das poucas zonas con temperaturas, máis ou menos, soportables. Pero, non é unha novidade. Por poñer un exemplo, aí está Cedeira que leva decenios convivindo con turistas, de xeito maioritario madrileños, aínda que sexa agora que comeza a ter problemas para aparcar e atopar sitio nunha terraza.

Nesta localidade costeira están tamén acostumados a ver ás primeiras figuras da dereita da capital do Reino. É comentario xeral na vila de Cedeira as comidas de determinadas xentes, verán tras verán, desde os tempos de Manuel Fraga. Cóntanme que estes días estaban xuntos compartindo mesa o – xa habitual – alcalde de Madrid, un coñecido periodista, o ex presidente Rajoy, Feijoo; así como un coñecido empresario metido a presidente de club de fútbol e un coñecido directivo de banco. Pechaba a mesa un ex socialista e ex alcalde que recentemente tivo a “ousadía” de asinar un manifesto contra as políticas de Pedro Sánchez, aínda como suposto membro da “vella garda” do PSOE.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cedeira-3864320