As Pías

Hai obras que cambian radicalmente unha cidade e a proxectada para a reforma integral das Pías é unha destas. Tamén é certo que vén con varias décadas de atraso. Mágoa que as “cousas de palacio” vaian así. Mágoa que non viñera moito antes, houbéramos aforrado o desastre da praza de España, que só necesitaba mover “O Cabalo” e ter o aparcadoiro, hoxe existente, baixo o edificio da Xunta de Galicia.

Será unha obra que veremos rematada no novo mandato saído das eleccións municipais do 2023. Mais, é consecuencia directa dun compromiso decidido do alcalde Ángel Mato. Seguramente, un dos seus maiores empeños. Unha pegada que calquera quixera deixar e máis nunha cidade tan falta de autoestima. Seremos testemuñas dun novo Ferrol. Dun gran bulevar que conectará Caranza, Bertón, Ultramar, Telleiras, Esteiro e Recimil. Financiado a cargo dos fondos de recuperación Next Generation da Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-pias-3497103

Aritmética variable

Os gobernos locais socialistas, de sempre, destacáronse por unha grande xestión. E o actual goberno suma unha enorme capacidade mediática e algunha concelleira todo terreo.

Iso vese na programación de cara ao verán cun feixe de iniciativas que saen directamente do Concello ou coa súa participación. De feito, o Partido Popular só tivo ocasión de criticar a falta de folletos turísticos nos primeiros días, cuestión debida a que até última hora non se sabía se a Armada ía abrir as súas instalacións a estas actividades. Acusar ao goberno local de falta de política turística choca coa realidade.

Si, a política local depende da “aritmética variable” da que fala o ex alcalde José Manuel Rey. Iso provoca que os grandes proxectos custen máis (aínda que a remodelación das Pías é outro tanto do Goberno Mato). Pero, iso non esgota nin a responsabilidade do goberno de liderar, nin a da oposición de sumar.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3048342/aritmetica-variable