As Pías

Hai obras que cambian radicalmente unha cidade e a proxectada para a reforma integral das Pías é unha destas. Tamén é certo que vén con varias décadas de atraso. Mágoa que as “cousas de palacio” vaian así. Mágoa que non viñera moito antes, houbéramos aforrado o desastre da praza de España, que só necesitaba mover “O Cabalo” e ter o aparcadoiro, hoxe existente, baixo o edificio da Xunta de Galicia.

Será unha obra que veremos rematada no novo mandato saído das eleccións municipais do 2023. Mais, é consecuencia directa dun compromiso decidido do alcalde Ángel Mato. Seguramente, un dos seus maiores empeños. Unha pegada que calquera quixera deixar e máis nunha cidade tan falta de autoestima. Seremos testemuñas dun novo Ferrol. Dun gran bulevar que conectará Caranza, Bertón, Ultramar, Telleiras, Esteiro e Recimil. Financiado a cargo dos fondos de recuperación Next Generation da Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-pias-3497103

O portugués

Estes días desde a Corporación municipal retomaban unha proposta interesante, tanto para Ferrol, como para as galegas e os galegos. É a proposta dos talleres de portugués a desenvolver no próximo mes de maio en centros da ESO, FP e bacharelato, ampliado a quinto e sexta de Primaria.

A estas alturas da vida xa temos cometido todo tipo de erros en relación co idioma portugués. Feito que impídenos cumprir co papel que supostamente teríamos de xeito preferente, como sería ser a ponte natural de conexión do mundo luso-brasileiro con España e a Unión Europea.

Ademais, a hexemonía da dereita na Xunta e os seus complexos provincianos trae consigo que sexan as Escolas Oficiais de Idiomas e os Concellos os que estean a paliar esta situación. O certo é que a maioría dos estudantes de portugués non están en Galicia, senón na autonomía de Extremadura. O portugués é cultura, pero tamén futuro económico. Tomemos nota.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2846855/p-portugues

Deportacións

Concentración de onte en Ferrol

Concentración de onte en Ferrol

Europa cada vez menos Europa. A piques de aprobar a deportación masiva das e dos refuxiados orixinarios de Siria, Iraq e Afganistán cara a Turquía, a cambio dunha morea de euros. O fariseismo elevado a categoría política, no teu nome e no meu. E coma sempre as mulleres e nenas levan a peor das partes, denuncias das Nacións Unidas por abusos sexuais pola situación de indefensión na que están. Europa reflectiva no espello da gran miseria moral.

No noso país o Goberno tivo que cambialo paso. Someter esta proposta de deportacións masivas porque así llo esixía un informe xurídico ao Congreso, aínda así négase a comparecer ante a Cámara da soberanía popular. Rebelión da dereita contra da democracia. Cando menos que España vete o acordo, hai que axudar as e aos refuxiados. Xustiza tamén para elas e eles. A Europa solidaria na que cremos ten capacidade de acollida, Welcome refugees!

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/deportacions/20160316214037149103.html