Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas

Ucha

É de ben nacido ser agradecido. Por iso, o nomeamento como fillo adoptivo de Rodolfo Ucha, que a actual corporación municipal de Ferrol está tramitando é axeitado. Así, tamén, hai que dicir que o vídeo protagonizado pola súa filla Lucila é moi emotivo. Non resulta estraño que xa supere varios milleiros de visualizacións.

Deste recoñecemento todas e todos debemos sentirnos partícipes. Ucha é o responsable de que Ferrol sexa quen de poder presumir dun amplo legado modernista (e, polo tanto, do chamado “Art Nouveau”), comparable con outras moitas grandes cidades europeas.

Cuestión que débese ao bo facer de quen foi arquitecto municipal durante moitos anos, e como el dicía pola capacidade dos traballadores de Ferrol para desenvolver de xeito salientable os diversos oficios. Na Magdalena, especialmente, vese a pegada de Rodolfo Ucha. A capacidade de crear e un xeito de ser e vivir. Si, Ferrol é moderno.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2435253/ucha