A semana das Pepitas

Esta cidade irrepetible, nacida ao carón do mar, que tan pronto fai grandes buques militares, como barquiños de papel para ser Patrimonio Mundial ante a Unesco. Esta cidade única que é Ferrol, ten tamén a súa banda sonora. Estes días que terán a súa cume na noite das Pepitas, é unha especie de semana grande, que reflicte un dos eventos que une a toda a cidadanía por riba de calquera diferenza social. A música feita polas rondallas é un nexo que suma ao conxunto da cidade nunha festa popular e participativa.

Así mesmo, este ano a cidade ten unha nova singradura que levar a bon porto. A consecución para que as Pepitas, e as rondallas, teñan recoñecidas a súa festa como de interese turístico nacional por parte do ministerio de Turismo. Este obxectivo é xa un compromiso do actual goberno municipal, onde da man da concelleira Eva Martínez teñen encamiñado o expediente correspondente.

Teño escrito que somos o que soñamos, pero tamén o camiño que percorremos. Así que xentes de Ferrol, “autóctonos” e “vindeiros”, xentes con todos os acentos, súmense. Esta é unha festa que une, onde a cidade canta xunta á muller, buscando un “pretexto” – se por un casual este fose necesaria – para celebrar a vida.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/semana-das-pepitas-4214109

Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas