Precampaña ferrolá

Estamos xa totalmente inmersos nela. Pero, deberemos esperar a saber até o propio día da votación cal será a decisión da cidadanía, para un novo mandato á fronte do Concello de Ferrol. O que si sabemos é que este é un debate entre dous: o socialista Ángel Mato e a dereita liderada por José Manuel Rey.

No caso de Ángel Mato ten no seu haber facer fronte á pandemia, a xestión municipal co dobre de investimentos que tivo aquel único goberno de maioría absoluta do PP, impulsar á autoestima de Ferrol coa candidatura a Patrimonio Mundial, así como un cambio radical urbanístico que nos converte, por dereito propio, nunha cidade plenamente europea.

José Manuel Rey vén de facer unha errática precampaña tutelado pola Xunta de Galicia, asumindo como propias as débedas desta. Mais, é certo que dispón dun electorado moi fiel, aínda que o concurso da Vox vaille “marcar” o discurso e, por momentos, abandonar a comodidade do centro político.

As incapacidades dos comúns e dos nacionalistas, que lles impediron formar parte do goberno municipal liderado por Ángel Mato, son os “pecados” que estas formacións deberán purgar ante os seus electores. De Podemos, se espera que sexan máis unha axuda en favor das aspiracións de Rey Varela.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/precampana-ferrola-4271493

As apariencias importan

A fachada marítima de Ferrol terá un cambio fundamental ante a nova intervención urbanística proxectada pola Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria, entre Curuxeiras e a Malata. Un investimento que supera os catro millóns e medio de euros. Primeiro, agradecer a estas administracións públicas que participen en mellorar as cousas, pero permítanme dicir que en política é tan importante ser como parecer.

Estamos a nos acostumar a que os partidos confunden os seus intereses, lexítimos si, pero, en moitos casos, cun uso inadecuado das institucións. Estaban presentes máximos representantes da administración autonómica e do porto, mais a cidade estaba “ausente”. Nestas intervencións tan importantes o lóxico, normal e protocolario é a presenza da beneficiada a través do seu máximo representante, é dicir, o alcalde.

Mais seguro que ningunha xunta electoral vai investigar se este acto institucional converteuse nun acto de partido pola exclusiva e preferente presenza dun precandidato municipal. Ningún político vai escusarse pola “aparencia partidaria”, nin oiremos aquelo do Emérito: “perdón, equivoqueime, non volverá a pasar”. Pero, xa dicían os madrileños ao paso de Fernando VII: “Viva El-Rei”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-aparencias-importan-3905644

Abrir a muralla

Na temporada alta do verán, este país queda paralizado e o mundo queda reducido a unha terraza fronte ao mar e un par de libros. Por iso, pretendía deixar á marxe a política municipal, xa tan condicionada polas vindeiras eleccións.

Pero, en Ferrol adiantouse o outono político. Iso si, deixando tamén as claras as estratexias de cada formación. Así o BNG e o PP, no pleno da semana pasada, deixaron á zona rural sen saneamento ao impedir coa suma dos seus votos a aprobación das contas de Emafesa. E xunto con FeC, apostaron por seguir impedindo que haxa novo contrato para Parques e Xardíns, cando o informe xurídico foi categórico marcando as marxes legais do mesmo.

Fronte á “gran coalición”, o alcalde socialista Ángel Mato e a súa proposta para un novo aparcadoiro en Esteiro, abrindo máis muralla entre Batallóns e Navantia. Duascentas corenta prazas cun orzamento previsto de dous millóns de euros. Acertada proposta que si ten un efecto disuasorio, eliminando presión de tráfico rodado do centro da cidade pero a un paso de todo. Esta colaboración urbanística entre Concello, Navantia e Defensa abre a cidade ao mar, indo na liña correcta do que ten que ser un proxecto de cidade nestes tempos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/abrir-muralla-3870392

Febre ferrolá

Estamos a menos dun ano das próximas eleccións municipais e xa algúns non dan a vasto. Están empeñados en facer un relato moi torto: “os socialistas son mala xente e malos xestores e o alcalde Ángel Mato un pouquiño peor”… Pero, nesa tese ao líder da oposición en Ferrol, José Manuel Rey do Partido Popular, e aos outros dous grupos políticos fóiselles a man no último pleno de xuño.

Levar por diante un documento técnico como o do Plan de Mobilidade, suxeito a ser corrixido en calquera momento, non se entenden. E menos cando este é necesario para acceder a fondos europeos. Así que millón e medio de euros menos para Recimil e o Ensanche A. Outra máis: non haberá aparcadoiros a 39€ na Magdalena, cousa que outros tamén queren nunha hipotética reapertura do aparcadoiro do Inferniño. Unha cousa e facer oposición e outra xogar contra a cidade. En fin, vaia precampaña espéranos da “oposición”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/febre-ferrola-3816444

Quince meses

Estamos a quince meses das eleccións municipais e tras o incendio, acontecido na dirección estatal do PP, é evidente que estamos nun novo escenario que vai ter unha influencia determinante. Está por ver se a vella dereita vai ser quen de frear a súa sangría cara aos ultras ou se ben, en Ferrol, vai favorecer o agromar unha candidatura deste perfil antidemocrático.

Desde o goberno municipal vanse anunciando unha xeira de intervencións, moito máis alá dun simple retoque urbano e que vai a cambiar de extremo a extremo a cidade tal e como agora a coñecemos. Mentres, tanto Ferrol en Común coma o BNG quéixanse de que non teñen influencia nas políticas desenvolvidas polo alcalde socialista Ángel Mato. Son as consecuencias directas de quedarse fóra do grupo de goberno. Estar fóra, máis cando a oposición e única alternativa real está liderada por José Manuel Rey e os Populares, éche un mal negocio.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/quince-meses-3456094