O Ferrol que queremos

Recoñezo a miña preocupación ante a radicalización do discurso político, o uso das mentiras e da difamación para denigrar as políticas e aos líderes da esquerda. Algo que, lamentablemente, hai tempo que está traspasado tamén ao eido local, tanto polas redes sociais como por quen, de xeito despectivo, falan de “sanchismo”, pretendendo invocar os instintos primarios e así seguir sempre nos vellos debates de hai dúas décadas.

Pero, o certo é que somos unha cidade europea, cos problemas que puidera ter un francés ou un belga… Incluso aquelo que supuxo un agravio polo atraso nas novas infraestruturas, ten como contrapartida que tamén sabemos o que non queremos. Por exemplo: ese turismo de masas, que expulsa á poboación local e converte ás cidades en “parques temáticos”.

Fronte aos vellos debates; que tipo de turismo queremos para Ferrol? Como imos regular os pisos turísticos e facemos fronte á suba especulativa no alugueiro da vivenda? Como evitamos a xentrificación que xa se está a dar? Somos conscientes da compra masiva de inmobles por foráneos e dos cambios sociais que van a provocar na próxima década? Estamos a tempo de construír o Ferrol que queremos, reforzando o noso dereito á cidade.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-queremos-4058659

Actitudes

Hai unha serie de prexuízos sobre Ferrol e as súas rúas baleiras e as súas xentes desaparecidas. Parece que se un vai a Lugo, ou a Vigo hai moito máis. Quizais Santiago comeza a pagar polo “vicio” dos seus pisos turísticos, que provoca unha emigración dos seus estudantes a outros campus. Ou se prefiren quedar na Coruña, e pasear pola súa rúa Real e polas que están á carón, igual observan ringleiras de comercios pechados (como no resto das grandes cidades), pero si moita xente paseando.

É dicir, a crise do 2008, ás sucesivas (incluída a da pandemia), afectaron a todos por igual. Vese nas súas trazas urbanas, pero igual cren máis en eles mesmos que as xentes de Ferrol na súa cidade e nas súas propias posibilidades. Seguramente, ser unha cidade creada polo Estado ten as súas vantaxes. Pero, pola contra, aquí parece que todo depende de fóra e por iso estamos nesa eterna espera de non se sabe que.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/actitudes-3784776

As Pías

Hai obras que cambian radicalmente unha cidade e a proxectada para a reforma integral das Pías é unha destas. Tamén é certo que vén con varias décadas de atraso. Mágoa que as “cousas de palacio” vaian así. Mágoa que non viñera moito antes, houbéramos aforrado o desastre da praza de España, que só necesitaba mover “O Cabalo” e ter o aparcadoiro, hoxe existente, baixo o edificio da Xunta de Galicia.

Será unha obra que veremos rematada no novo mandato saído das eleccións municipais do 2023. Mais, é consecuencia directa dun compromiso decidido do alcalde Ángel Mato. Seguramente, un dos seus maiores empeños. Unha pegada que calquera quixera deixar e máis nunha cidade tan falta de autoestima. Seremos testemuñas dun novo Ferrol. Dun gran bulevar que conectará Caranza, Bertón, Ultramar, Telleiras, Esteiro e Recimil. Financiado a cargo dos fondos de recuperación Next Generation da Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/as-pias-3497103

Fochas

O goberno local de Ferrol ten un amplo programa de remodelacións de moitas das vías da cidade. Iso é algo que ninguén pode negar, á marxe de que – é certo – xa estamos de cheo nunha longa precampaña, que acabará por materializarse en maio de 2023, cando co noso voto decidamos a nova corporación. De aí que, cada vez, teñamos máis ruído e constantes saídas de ton da “leal oposición” (por usar un término monárquico… se mo permiten).

Si creo que todo o que ten que ver co mantemento da cidade debera ter un pacto que sumara a todas as forzas políticas e con achegas económicas plurianuais. Sería o sensato. Achacarllo ao alcalde, é dicir, á súa concelleira de obras Ana Lamas, o mal estado das rúas de Ferrol é pretender ocultar que vaise facendo a poucos, xa que é imposible ter “impoluta” o conxunto da cidade. É dicir, que isto é unha “herdanza”, tamén, de anteriores mandatos e así até a orixe dos tempos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3250497/fochas

Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas