Vivan os coches

Parabéns a todas as persoas agraciadas onte co sorteo da lotería nacional, pero tamén aos veciños de Canido e ao persoal dos xulgados da rúa Coruña. A cargo dos orzamentos municipais van ter un aparcadoiro de balde a carón, e con algúns cambios de sentido nesas rúas.

Podo entender a alegría de algúns, pero para os ferroláns dos outros barrios resulta curioso e, máis para aqueles que apostamos por un modelo diferente, onde a cidadanía recupere o pulso da cidade. Visto alén de Canido todo parece que, no seu día, fóra unha cesión máis, do anterior grupo de goberno, para contentar aos sectores máis antipeonalización.

Unha ocorrencia que houbera quedado no esquecemento, senón fóra que algúns buscaban usala como ferramenta contra o actual alcalde, veciño de Canido. En fin, o proxecto de peonalización na picota, pero a cambio teremos un feixe de coches rotando por 133 prazas que métense no centro da cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vivan-os-coches/20201227195741293966.html

Pardo Bajo

A peonalización do centro de Ferrol vai a poucos. Ademais, hai momentos que parece que con pasos atrás – como o novo aparcadoiro ás portas de Canido, que na miña opinión foi unha cesión populista, do anterior goberno, ao lobby antipeonalización – pero en calquera caso, o proceso é irreversible. De feito, o futuro nin pasa polo coche eléctrico, senón polo transporte público combinado e de balde. Ou alguén cre posible meter na nosa cidade un coche por cada veciña ou veciño?

O caso da peonalización de Pardo Bajo é unha aposta do Concello, produto dunha demanda social que ademais amosa o apoio decidido da hostalería a estes procesos. A súa reurbanización e adecuación ás novas necesidades, unha vez sexan aprobados os novos orzamentos municipais, similar tamén ao conxunto arquitectónico da Magdalena, será un espazo gañado non só por eles, senón polo conxunto da cidadanía. O dereito á cidade existe.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/pardo-bajo/20200205225003274150.html

Similitudes

Permítanme contarlles que marchei por uns días. Así, que perdoen esta introdución, pero si quero volver agradecer á federación local das asociacións veciñais, o terme permitido acompañalos para coñecer o proceso de peonalización de Pontevedra, hai un tempo.

Aquela visita levoume a volver a esta capital de provincia, que creo que ten moitas cousas en común con Ferrol (a pesar de ter nós vinte mil veciños menos). Pero, si algo fainos parecidos é que somos “afeccionados á boa vida”. Consideramos as cidades un dereito das súas xentes, aínda que aquí temos especial capacidade de complicar o máis simple.

Do mesmo xeito que gusta ir a Canido, parar a comer no Anca, tomarse un café no Derby ou as nosas praias, en Pontevedra gustan de cousas similares nas súas rúas e prazas recuperadas. Quizais teñamos que aprender nós de Pontevedra que Ferrol non necesita trincheiras, senón un acordo básico en temas de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/similitudes/20190711001254260355.html

Comercios play off

Sería moi interesante un bo estudio da problemática que teñen os comercios que hai na Magdalena, e que apunta a múltiples causas. Crise demográfica unida á económica que sofre o país e a precariedade laboral, fan que as compras non acaben de bulir. Tamén os novos hábitos de consumo “on line” evidencian un, cada vez, maior dominio das plataformas dixitais, que provocan constantes campañas fóra de temporada e con descontos adicionais. A nivel local, seguramente a lea polo día de San Xiao tampouco axuda.

Un activo é esa poboación maior, normalmente de clases medias, que compra para si e as súas familias, que escapa das grandes áreas comerciais e fomenta o comercio de cercanía. Noutro orde de cousas, son dos que pensa que o peche do aparcadoiro da Armas non tivo influencia, pero si que é necesaria unha pronta e eficaz peonalización, xunto cun programa de dinamización a implementar entre comerciantes, veciños e Concello.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/comercios-play-off/20190123203930245839.html

E quen paga?

Unha das consecuencias do camiño a esas municipais de 2019 tan incertas é a dura competencia entre as dereitas, que se radicalizan por momentos para así liderar o voto na Magdalena, usando como escusa a remodelación da praza de Armas. Ocultan que goberne quen goberne non vai a haber novo aparcadoiro, é inviable. De onde ían sacar elas os seis millóns de euros que os técnicos apuntan como custe previsible?

Un novo aparcadoiro só poderíase financiar cunha concesión e levantando unha área comercial en Armas, competidora -polo tanto- co comercio e a hostalería da Magdalena. Pero, non hai interesados. Mais, cando no centro hai entre o Cantón, Abastos e Praza de España 1220 prazas de aparcadoiro usadas a medio gas. Outra opción sería que fose financiado a costa de outros investimentos. Está a dereita disposta a detraer recursos dos demais barrios de Ferrol para financiar este capricho?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/e-quen-paga/20180726000053232365.html