
O vindeiro 18 de decembro no Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol, presentarase o vídeo que da título a este comentario, produto da colaboración que desde hai uns anos estamos a manter desde Fuco Buxán coa ONGD “Acsur – Las Segovias”.
Eses dez minutos e medio que dura a película é o resume do traballo que na primeira semana de xullo (adestramento e nocións en vídeo social), e na primeira fin de semana de agosto (montaxe), estivemos a facer coas dúas persoas chegadas de ACSUR: Silvia Chocarro e Ian Ingelmo. As nosas máis agarimosas grazas pola súa implicación cos nosos problemas.
Non contentos coa axuda que nos prestaron, eles enviaron ao Certame “Vídeo Diversidade” polo que a entidade convocante “Ecoloxistas en Acción” tivo a ben outorgar á nosa curtametraxe un dos accésits.
Este vídeo, ademais, entrará na rede internacional que esta ONGD ten para a difusión de problemáticas sociais. De feito, formará parte do Noticiario Intercultural, sendo ademais un programa que nesta ocasión compartimos con dúas asociación bolivianas: Casa Wayna Tambo e o Centro de Información Boliviano. O tema común é a sostibilidade medioambiental.
No noso caso, o tema central é a agresión de Reganosa ás nosas vidas e á ría de Ferrol. Tendo como hilo condutor durante todo o filme ao Coordinador do Comité Cidadán e primeiro presidente de Fuco Buxán, Carmelo Teixeiro.
Mágoa que neste proceso de aprendizaxe tiveramos que desbotar unha parte do material filmado, erros que se cometen en todo proceso creativo. Mais, o noso recoñecemento e as nosas máis sinxelas grazas a Monserrat Garel, a Xaime Gabarre, Gabriel Tizón, Alberto Saavedra, Luz Marina, a Milladoiro, ao Ateneo, ás Asociacións de Veciños de Ferrol Vello e do Ensanche A, ao IES Carvalho Calero e á Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol. Grazas a todos os colectivos, especialmente ao Comité Cidadán e aos seus integrantes pola defensa da nosa ría ferrolá.
Grazas a todos pola axuda prestada, así como aos participantes ao curso: Xan, Ana, Rafael, Martín, Amador, María, Rocío, Paula, Mauricio.
E unha mención especial para Carmelo Teixeiro. O 18 de decembro non só proxectaremos un vídeo de temática social, senón que a parte máis importante será a do recoñecemento ao traballo que desde hai máis de trinta anos esta persoa leva facendo pola defensa medio ambiental da ría de Ferrol e a calidade das nosas vidas.
O traballo, moitas veces na sombra, ao longo de toda unha vida de Carmelo Teixeiro, obriga á nosa cidade, a esta ría, a un recoñecemento que sempre será pouco, para quen tanto nos deu e tan pouco recibiu.
Todos coñecemos do seu compromiso social e político na defensa dos valores humanos, dunha democracia de calidade e dunha sociedade cohesionada en base á xustiza social.
Grazas a ti Carmelo, por nos permitir durante todos estes anos estar ao teu carón.
*(Este artigo forma parte do número 23 da revista “Razón Socialista”, 2º Semestre 2007, editada pola Asociación Cultural Fuco Buxán).