Pittsburg

Hai unha década houbo outra viaxe á sede central de Alcoa en Pensilvania. Daquela foi a cargo de Rajoy e Feijóo, crendo que con aquel acordo arranxaba o problema das súas factorías españolas. Craso erro e, por medio, metéronnos a todos.

Estes días cúmprense 8 anos das mobilizacións de Megasa en Narón. A instancia de Feijóo, o entón ministro Soria modifica a orde ministerial IET/2804/2012 pola que, para facilitar as demandas de Alcoa, provocaba competencia desleal entre empresas do mesmo sector con tarifas eléctricas desiguais. Iso sumado á privatización de Aznar e Rato, que consolidara un oligopolio de 5 grandes operadores eléctricos, provoca a tormenta perfecta.

Todos desexamos que os traballadores/as de Alcoa logren unha saída de futuro con esta visita da ministra socialista Reyes Maroto. Oxalá, pero resulta curioso que unha multinacional aposte pola nacionalización de facto de Alcoa – Cervo.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3058658/pittsburg

Os custes da electricidade

Onte, diante da Delegación do Goberno na Coruña, concentrábase o sector electrointensivo, que leva algúns anos con problemas estruturais, polo excesivo custe da electricidade, principal materia prima destas empresas.

Evidentemente, por moito que se espere que o recibo das tarifas – tanto para a industria como para os particulares – vaia a reducirse pola entrada masiva das novas enerxías renovables, o certo é que a xente non pode esperar a ver si iso vai ser así ou si o actual oligopolio eléctrico volverá ás andadas e farán o que queiran neste mercado refén que hoxe é España.

Hai empresas que xa adaptaron a súa produción aos custes eléctricos reducindo emprego. As “Alcoas”, e outras grandes industrias similares, necesitan un trato específico e que non dane os intereses do resto das empresas. En calquera caso, é necesario discutir que tamaño de sector público eléctrico queremos para este país.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/custes-da-electricidade/20200311215333276756.html

Mesa pola Industria

A dereita está botada ao monte e teñen pésima memoria. Foron Aznar e Rato quen privatizaron en 1997 as eléctricas e converteron Endesa nunha empresa privada. Quizais, cando acusan ao goberno socialista de “querer pechala”, realmente están a propoñer a súa renacionalización? Sería isto válido para Alcoa?

Tamén son responsables da Lei 6/1998 que “liberalizou” o chan, provocando a burbulla do ladrillo e a crise económica e bancaria do 2008 que “obriga” a Zapatero a modificar a Constitución. É Soria – a instancia de Feijóo – quen saca a orde IET 2013/2013 que modifica o sistema de interrumpibilidade, creando o actual caos nas industrias electrointensivas.

Sería axeitado un pouco de mesura por parte dos señores Tellado e Calvo e dos seus compañeiros do PP. Sería mellor que sumáranse á mesa proposta polo alcalde Ángel Mato, poñer propostas e solucións en común para Ferrol, As Pontes e esta comarca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mesa-pola-industria/20200115210903272604.html

Estatuto Electrointensivo

Este luns, o Goberno de Pedro Sánchez abría o prazo para alegacións ao novo decreto, que busca unha tarifa da luz máis axeitada para as empresas electrointensivas (Megasa, Alcoa, Ferrolatlántica…) e intentar resolver a situación creada polo PP. En 1997 Rato privatizou o sector público eléctrico e o ex ministro Soria, no 2013, modificou o sistema da interrumpibilidade a instancia de Feijóo. Nos últimos vinte anos a suba para o consumidor medio foi dun 120% e para a industria dun 150%.

O novidoso Estatuto Electrointensivo debera dar lugar a unha tarifa eléctrica máis competitiva co resto da UE. Pero tamén é imprescindible romper a actual ditadura eléctrica cun pacto de estado, decidir que tamaño de sector público eléctrico queremos recuperar. É certo que Alcoa necesita unha solución específica, así todas as distorsións desde o 2013 veñen dadas polo interese dos políticos por contentar a voracidade desta multinacional.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/estatuto-electrointensivo/20190320210020251713.html