Mesa pola Industria

A dereita está botada ao monte e teñen pésima memoria. Foron Aznar e Rato quen privatizaron en 1997 as eléctricas e converteron Endesa nunha empresa privada. Quizais, cando acusan ao goberno socialista de “querer pechala”, realmente están a propoñer a súa renacionalización? Sería isto válido para Alcoa?

Tamén son responsables da Lei 6/1998 que “liberalizou” o chan, provocando a burbulla do ladrillo e a crise económica e bancaria do 2008 que “obriga” a Zapatero a modificar a Constitución. É Soria – a instancia de Feijóo – quen saca a orde IET 2013/2013 que modifica o sistema de interrumpibilidade, creando o actual caos nas industrias electrointensivas.

Sería axeitado un pouco de mesura por parte dos señores Tellado e Calvo e dos seus compañeiros do PP. Sería mellor que sumáranse á mesa proposta polo alcalde Ángel Mato, poñer propostas e solucións en común para Ferrol, As Pontes e esta comarca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mesa-pola-industria/20200115210903272604.html

A espera

Estes días son de espera por novas boas para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Parece que, a pesar da tormenta perfecta que están a organizar os ultras e as súas comparsas do PP e Cs, haberá investidura de Pedro Sánchez.

Nestas terras pedimos que todos aqueles asuntos que foron adiados polas “políticas” da dereita por beneficiar á “súa base social”, logren chegar a bo porto. O novo goberno de España debera traernos as F110, unha oportunidade para As Pontes e unha tarifa eléctrica competitiva para a industria.

Fronte ás esperanzas está esa dereita radicalizada, que ameaza con usar a determinados tribunais cuxos xuíces xogan a facer política rancia, para paralizar a acción dun goberno lexítimo. Chegados a ese punto, as e os traballadores deberemos axudar a consolidar a Coalición Progresista e as esperanzas da cidadanía. Será necesaria unha folga xeral contra unha CEOE e unhas dereitas hiperventiladas?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-espera/20200102002049271553.html