Migracións e violencias

Cando estaba a escribir – onte – este “Letras de Cambio”, o Concello de Ferrol daba a alerta, a través das súas redes sociais, polos ventos rachados, pero ben podería darse pola situación de vulnerabilidade na que está unha parte – cada día máis importante – da nosa poboación, refírome a esas persoas latinoamericanas, do Caribe e outros lares. Lamentablemente, hai quen non recoñece que todas as persoas teñen os mesmos dereitos e merecen o mesmo respecto: que non hai cidadáns de segunda.

Así son demasiado frecuentes situacións de persoas migrantes que traballan sen contratos ou vítimas de abusos de todo tipo. Por iso, resultan de vital importancia xornadas como as de “Migracións e Violencias” (nesta edición centradas nas empregadas do fogar) da concellaría de Benestar da Corporación ferrolá e da Asociación Mobilidade Humana, e máis cando hai quen fomenta o odio para romper a convivencia democrática.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/migracions-violencias/20191219010047270862.html

Feliz 2019!

Si, son consciente das eivas herdadas da gran depresión social que arranca coa crise do 2008. E aí están os informes achegados nos derradeiros días do 2018 por entidades que traballan con usuarios e usuarias da Cociña Económica, do albergue de Caranza ou de Cáritas en Ferrol. Que haxa un aumento, tanto por parte da poboación local, de persoas transeúntes ou migrantes, deixa ás claras que a recuperación afunde as súas raíces nunha desigualdade estrutural.

Se engadimos a constante perda de poboación, unha menor natalidade produto da emigración e do precariado laboral e que nin sequera somos unha cidade atractiva para consolidar un maior nivel de persoas estranxeiras, temos unha foto infeliz. Necesitamos dun acordo por Ferrol.

A pesar das incertidumes para este novo ano, permítanme un poso de optimismo. Creo que o futuro non está escrito, trátase de sumar para dar lugar a unha vontade colectiva.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/feliz-2019/20190102201120244531.html

María Vázquez

Hai feitos importantes como os deste último 14 de abril en Santiago e Miño. Onde os do PSdeG lembraron a figura da mestra republicana e socialista María Vázquez, asasinada na praia deste último concello en 1936. Lembrando a Dona María, celebran os socialistas galegos a primeira edición dos seus Premios de Igualdade.

No Miño natal da homenaxeada, comezou a xornada da man da súa secretaria local Catarina Morado, acompañada de Gómez Besteiro, Pilar Cancela e a ferrolá Eva Martínez -todos eles da executiva galega socialista- e da presidenta do PSOE, a andaluza Micaela Navarro. Parabéns.

Dous actos emotivos, cargados de memoria e de loita pola igualdade, máis tratándose dunha parte que segue agochada, porque o que aínda queda é sacar á luz o papel das represaliadas. Dobremente. Non esquezamos que a agresión sexual era unha práctica habitual franquista.

Enlaza web a Diario de Ferrol.