Cedeira

A poboación local estamos vendo este verán como temos “overbooking” de turistas. Especialmente do interior. Seguro que isto vai a ser unha situación a normalizar para os próximos tempos, cambiando moito dos nosos hábitos. Agora xa estamos a tiro de pedra e somos das poucas zonas con temperaturas, máis ou menos, soportables. Pero, non é unha novidade. Por poñer un exemplo, aí está Cedeira que leva decenios convivindo con turistas, de xeito maioritario madrileños, aínda que sexa agora que comeza a ter problemas para aparcar e atopar sitio nunha terraza.

Nesta localidade costeira están tamén acostumados a ver ás primeiras figuras da dereita da capital do Reino. É comentario xeral na vila de Cedeira as comidas de determinadas xentes, verán tras verán, desde os tempos de Manuel Fraga. Cóntanme que estes días estaban xuntos compartindo mesa o – xa habitual – alcalde de Madrid, un coñecido periodista, o ex presidente Rajoy, Feijoo; así como un coñecido empresario metido a presidente de club de fútbol e un coñecido directivo de banco. Pechaba a mesa un ex socialista e ex alcalde que recentemente tivo a “ousadía” de asinar un manifesto contra as políticas de Pedro Sánchez, aínda como suposto membro da “vella garda” do PSOE.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cedeira-3864320

Encher as prazas

Cando se aposta pola cidade tanto a cidadanía local, como a de toda a comarca, responden. Así podemos ver como calquera evento que se organice nestas datas ten unha moi boa acollida. Quizais sexa necesario romper vellas dinámicas no traballo político e asociativo. Comezando por “destacionalizar” as festas de San Ramón, que de algún xeito seguen a mesma estela de toda a vida.

Na cidade hai masa crítica suficiente como para organizar, no seu conxunto, eventos culturais, deportivos e musicais para, por exemplo, todo xullo e agosto. Reunións co tecido formal e “informal” e unha axeitada coordinación e planificación de actividades – en todos os barrios – é posible (o traballo constante dos veciños de Canido é un referente). Seguro que contaría co apoio da cidadanía de Ferrolterra, da hostalería e comercio locais. Somos a cidade da Ilustración, do camiño inglés, das meninas… somos a cidade do mar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/encher-as-prazas-3858974

Do xardín do saber

Estas tardes que todos desexamos para estar no acougo das terrazas lévanos a aproveitar e, a carón dunha cervexa, andar de faladoiros cos amigos, á vez que un aproveita para mirar a prensa ben sexa en papel ou en formato dixital. E estes días que moitos autores ferroláns estivemos a pasar pola feira do libro da Coruña, alégrame saber que o profesor e amigo Henrique Dacosta “vai pechala” asinando a súa novela “Entrada ao xardín do saber”.

Precisamente, non hai moito tiven ocasión de compartir unha tarde con el e outros amigos neste café tan literario como é o Derby. Así que permítanme recomendarlles que se acheguen ás obras deste escritor noso, que o verán dá para moito e non hai nada mellor que acompañalo dunha boa lectura tranquila. A vida é isto, momentos. E seguro que temos un intre para este xardín con saberes e ese “man a man” de Vicente Risco e a precoz líder feminista Hildegart Rodríguez.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/do-xardin-do-saber-3853782

A felicidade

O problema das palabras non está en que sexan polisémicas. Máis ben resulta que elas foron inventadas, non tanto para describir a realidade, senón para exercer o noso dominio fronte a inmensidade do mundo. O problema non radica no que se di ou se escrebe. Radica na nosa falta, na necesidade que temos en ocultar o devir dos días que, teoricamente, debéramos dominar pero que son eles os dominantes.

Así falamos de máis cando non queremos ver a realidade. Seguramente, cando un fala de alcanzar a beleza, non sexa máis que un xeito de nos enganar. Realmente, buscamos ese camiño á felicidade. Iso si, sen decatarnos que isto só vén dado de feitos aparentemente pequenos. Por exemplo: pola música na rúa ou un beixo inesperado. É dicir, a felicidade reside nas pequenas cousas. E isto é un hábito que debemos aprender, non hai outra vía posible (pola miña parte, eu procurarei gardar estas anotacións).

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/felicidade-3845707

Navantia emprega

Dicir que esta comarca e Ferrol teñen unha vinculación moi estreita coa construción naval é unha cuestión obvia. Está tan incrustado no noso xeito de entender e vivir que sen isto non seríamos o que somos. Incluso para aqueles que traballamos noutros sectores produtivos. Así que estamos acostumados a falar e a opinar sobre Navantia e sobre calquera cousa que lle afecte. Para ben e para mal.

Así levamos moito tempo dándolle voltas ás últimas directrices que están a desdebuxar a esta como empresa pública. Nos últimos tempos sen entender que pasa cos seus exames de acceso, cando historicamente foron unha garantía de limpeza na súa selección. A fiscalía para tranquilidade de todos debera investigar a denuncia, sobre as catro últimas contratacións dos técnicos superiores para o departamento de compras (feita neste caso pola CGT), xa que estas cuestións aquí non deixa indiferente a ninguén.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/navantia-emprega-3838466