Cardioloxía Marcide

A vida vaite dando tumbos, pero ao mesmo tempo iso serve para saber que cousas son as que en verdade importan. A valorar no seu cada instante e cada persoa. A valorar o que entre todos logramos construír e que debemos preservar e non deixar que ninguén nolo arrebate ou o degrade até facelo irrecoñecible.

Permítanme usas estas Letras de Cambio para agradecerlle a todo o persoal, tanto sanitario como non sanitario do Hospital Arquitecto Marcide a súa labor. Especialmente, ás Urxencias e á quinta planta, en concreto á de Cardioloxía. Por estas cousas que ten a vida tiven ocasión de estar alí, nas mans dunhas e duns profesionais que fixeron moito máis que simplemente atenderme. O desta xente, maioritariamente mulleres, vai moito máis alá do que se lle pode pedir a unha persoa. Hai coidados que sobrepasan, hai unha devoción polo seu traballo que significa unha decidida aposta e paixón pola vida. E todo isto é algo que só pode darse no noso sistema público de saúde.

Contradicindo ás cancións, non me pediron nin visa para un soño nin tiven que pasar o Niágara en bicicleta. Só tiven que deixarme cuidar. Grazas a todas elas e eles. Grazas pola vosa profesionalidade. Por ser e por estar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cardioloxia-marcide-4121706