Éxito de Nadal

Até o mal tempo invernal destes días foi quen de respectar a vontade das e dos ferroláns e das xentes vidas de toda a comarca, que decidiron facer súa a cidade. Nin o tráfico, nin a choiva nin o frío lograron frear este nadal. Moreas de persoas, rúas ateigadas e a decisión de saír na procura da felicidade, por moi efémera ou trivial que esta poida parecer.

O clan do “en Ferrol todo está mal” sobresaltado. Ninguén fíxolles o máis mínimo caso. Nin moito menos a aquela persoa que protestaba porque Ferrol estaba imposible por causa da cabalgata de Reis. Quédome cunha cousa lida estes días atrás neste xornal: para moitas nenas e nenos esta era a primeira vez que podían participar dun evento así, nunca viran nada igual pola cidade. Pasaron a maior parte da súa vida baixo o síndrome do tapabocas. Cando dano fixo a pandemia!

Neste nadal vimos todas as rúas do centro cheas de xentes, comercios, tendas de barrio, librarías e terrazas ateigadas. O alumeado destas datas, paxareira do Cantón incluída, un gran acerto do actual goberno municipal como nunca. Orgullo de cidade.

Permítanme usar unha expresión de dúas palabras, que usa o meu amigo Seijas, cando as cousas saen ben e hai que celebralas: un éxito!

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/exito-nadal-4134747

Volve o Nadal

Seguramente, este sexa o primeiro nadal no que a pandemia non vai a termos entretidos. Máis, coa necesidade de normalizar que temos a cidadanía. Así que non fagan caso a aqueles que viven da confrontación e pretenden crear a paranoia que puidera provocar unha recesión económica co único obxectivo de varrer á esquerda. O certo é que grazas á fortaleza actual do mercado laboral, ás medidas en contra da inflación, resistimos bastante ben os avatares da guerra provocada pola dereita rusa no corazón de Europa.

As luces de nadal, o balbordo dos nenos e das nenas nas atraccións da praza de España, as compra destas datas, así como os cafés e terrazas cheas séntanlle moi ben a Ferrol. Esquezan aos telepredicadores da crispación e do desastre final. Concéntrense uns días en ser felices. Si, incluso en Nadal. Lembren que se para nós aínda ten sentido é porque queremos ás nosas fillas e fillos.

Gocen da cidade de Ferrol. Paxareira do Cantón incluída. Do chocolate con churros, do café coas amizades. Pero, saiban que a felicidade real é a compartida. Non traten mal á camareira, nin ao dependente de comercio. Bo trato e aproveiten, a vida son momentos que necesitan ser colectivos e máis nestes días de Nadal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/volve-nadal-4099165

Luces de Nadal

Voulles facer unha confesión. Gústame saír á rúa baixo as luces de nadal. Son consciente de que hai xente crítica, porque este ano o Concello de Ferrol decidiu poñer moitas máis. Do mesmo xeito que hai quen critica a presenza dos feirantes na praza de España, dándolle vida.

Si, é un espellismo. Que busca que por un tempo esquezamos os problemas, a suba dos prezos, incluídos os da luz que leva ás empresas electrointensivas da comarca a non producir. Son consciente de que son unhas datas, que moita xente, prefire obviar. Molestos por mil razóns válidas.

Pero, un aínda ten algo daquel rapaz que, inoportunamente, foi quen de achar que os Reis “deixaran en depósito” no faiado da casa a súa primeira bicicleta, moito antes da data prevista. A escasos días das festas de nadal e da lotería nacional, permítanme ser optimista. Seguro que iremos a mellor. A esperanza é o camiño da nosa especie.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3341911/luces-nadal

Comercio en Nadal

A cidade xa está en tempo de Nadal e parece que, por momentos, non sabemos nin a hora do día no que estamos. Máis se, preto, che coincide que vas ter vacacións no teu traballo. E iso fai que a xente en Ferrol aproveitara esta longa fin de semana da Constitución e que vaise, seguramente, a repetir de aquí á volta do día de Reis, para ocupar rúas, eventos e negocios de hostalaría, especialmente, na tableta de chocolate da Magdalena.

Resulta curioso ver que mentres a xente responde ás datas de Nadal, unha parte do comercio local teña as súas portas pechadas ao público, cando máis, porque hai determinadas asociacións súas que despois inciden moito no seu. Pero, non poderán dicir que nin a actual Corporación municipal, nin a xente non respondan. Pero si é certo aquelo que a concelleira de Promoción Económica, Mayte Deus, dicía nunha radio: o comercio local decide cando abre ou non. Evidentemente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/comercio-en-nadal/20191211202954270309.html