Instituto do Deporte

Estaría ben que, esa sintonía que parece existir entre os grupos políticos municipais, para a constitución dun instituto do deporte en Ferrol saía adiante. Todos somos coñecedores das dificultades habidas e por haber para a xestión das instalacións deportivas da cidade e os numerosos desencontros, onde os diversos clubs foron os protagonistas, así como unha parte da cidadanía que sufriron as dificultades dos seus fillos e fillas como usuarios.

Esta proposta do actual grupo de goberno encabezado polo socialista Ángel Mato, vén a poñer unha solución de longo alcance. Xa case na historia queda o bon sabor do desaparecido Padroado de Deportes, que nesa xeira de privatizacións irracionais levouno por diante. Unha vez máis a mellor xestión, de aquelo que atinxe á administración local e aos intereses do conxunto da cidadanía, é a pública.

Hai case unha década da onda privatizadora de servizos públicos, que do conxunto do Estado tamén chegou á cidade, pretendendo reducir todo o público a negocio lucrativo. Hoxe, esta proposta do Concello emenda un erro histórico como foi a desaparición do Padroado e vai na liña axeitada, para o deporte e para os seus usuarios e usuarias na cidade de Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/instituto-do-deporte-4151789

Adiante Uni Ferrol

Vinte seis vitorias de vinte seis partidos xogados. Ese é o mérito e o traballo de todo o equipo de baloncesto feminino do Baxi Ferrol. Por causa da pandemia, as e os aficionados fomos acompañándoas segundo as autoridades sanitarias e a Xunta de Galicia nos permitían. Pero, o certo que esta foi unha grande temporada para o Uni.

A partir de mañá xogarán en Leganés a fase de ascenso á primeira división do basket feminino, a Liga Endesa. Merecen estar, o teñen ben gañado e a pulso. A maioría só poderemos seguir o que aconteza desde a distancia, pero a cidade de Ferrol e a comarca estarán con elas, co equipo técnico e coa nova directiva.

Que mellor embaixada tería a cidade e a comarca que ás xogadoras do Uni Ferrol, xogando na primeira división do baloncesto feminino? Para Ferrol é importante porque é tamén un xeito de facer cidade, un feito que suma, e elas – partido a partido – demostraron que o merecen.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2825180/adiante-uni-ferrol