Cantigas de Santa María

O pasado venres tiven ocasión de escoitar a Carlos Callón na presentación da súa última achega: “O libro negro da lingua galega” (Editorial Xerais 2022), organizada pola Sociedade Cultural Medulio. Nese percorrido de afrontas ao galego chamoume a atención a súa referencia ás Cantigas de Santa María, que no seu leito de morte Alfonso X O Sabio reclamou, aínda que non foron suficientes como elemento curador.

Pero, volvendo ao asunto. Resulta que a pesar de ser unha obra escrita na nosa fala no século XIII, aínda hoxe hai textos escolares que manteñen unha suposta escrita na lingua de Castela. Unha vez máis, vese como a manipulación política é capaz de crear unha realidade paralela, o asunto é sempre que a historia sirva para xustificar as políticas do presente. Moi poucos coñecen que o reino de Galicia ocupaba a metade da península medieval e que o galego era a lingua de prestixio usada por todos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cantigas-santa-maria-3833937

Charles Simic

Estes días de extrema calor, cando nin o aire abonda para poder respirar e hai que buscar acougo á sombra até que o sol pase de nós. Claro, a non ser que sexa vostede unha desas persoas que tostadiños son máis felices. En calquera caso, o asunto é buscar refuxio, máis se un ten a sorte de dispoñer diso que chamamos “vacacións”. Pero, o refuxio ten que ser algo máis que un lugar físico, é dicir, un sitio espiritual onde o devagar do tempo teña resposta.

Á espera das últimas horas da tarde – cando se aproveita algunha terraza buscando a conversa dos amigos – sabendo que un non é nada orixinal, busca abeiradoiro na recente achega, na tradución ao portugués de Charles Simic (premio Pulitzer de poesía), que vén facer José Alberto Oliveira para Assírio & Alvim do libro do primeiro: “Previsao do tempo para utopia e arredores” e como ben saben: “Nao reparei/ enquanto aqui escrevia/ que nada resta do mundo…”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/charles-simic-3825771

Febre ferrolá

Estamos a menos dun ano das próximas eleccións municipais e xa algúns non dan a vasto. Están empeñados en facer un relato moi torto: “os socialistas son mala xente e malos xestores e o alcalde Ángel Mato un pouquiño peor”… Pero, nesa tese ao líder da oposición en Ferrol, José Manuel Rey do Partido Popular, e aos outros dous grupos políticos fóiselles a man no último pleno de xuño.

Levar por diante un documento técnico como o do Plan de Mobilidade, suxeito a ser corrixido en calquera momento, non se entenden. E menos cando este é necesario para acceder a fondos europeos. Así que millón e medio de euros menos para Recimil e o Ensanche A. Outra máis: non haberá aparcadoiros a 39€ na Magdalena, cousa que outros tamén queren nunha hipotética reapertura do aparcadoiro do Inferniño. Unha cousa e facer oposición e outra xogar contra a cidade. En fin, vaia precampaña espéranos da “oposición”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/febre-ferrola-3816444

Corenta

Este domingo volvían as tripulacións do Blas de Lezo e do Cantabria a Ferrol. Vaia para elas a benvida por este retorno a casa, xunto ás súas familias. Corenta anos pasaron desde que a UCD metéranos na OTAN e, algo menos, desde aquel xiro de Felipe González e o referendo, que para quen subscribe esta columna foi a súa primeira “incursión” nas mesas de votación, con apenas dezaoito anos.

Estase a celebrar o cumio desta organización político – militar en Madrid e que evidencia un grande éxito de Pedro Sánchez, á marxe dese coro mediático ao que lle resulta moi incómodo este goberno de coalición. Pero, o asunto é que facer ante a realidade, incluso cando un volvería a votar non naquel referendo. Quizais o máis intelixente sexa participar no debate do seu futuro desde un punto de vista democrático. Algúns aínda pensamos nunha forza de paz baixo mandato da ONU e baixo a tutela do Tribunal Penal Internacional.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/corenta-3808548

A estratexia

Nestes días tan intensos houbo quen me preguntaba como facía para poder escribir. En especial, poesía. Para que as palabras non se quedaran esquecidas da memoria. Xa se sabe que elas son como os paxaros que en cando poden voan para non volver. A miña resposta foi a de encher os petos de papeis, porque nese intre non tiña preto aquel poema de Ana Varela que di que “na fábrica os operarios aproveitaban os descansos para perseguir paxaros, metíanos en caixiñas de papel feitas con planos de barco”.

É ben certo que hai moito en común entre as palabras e os paxaros. Estes últimos son libres mentres teñen ocasión de navegar entre as nubes, e as primeiras necesitan da escrita para que poidan servir para levarnos a outro mundo mellor, aínda que só sexa literario. Pero unhas e outras, cando menos por momentos, alcanzan ese nivel máximo da liberdade. Fronte a aqueles que pretenden que en Ferrol nos devore o ruído, enchamos os días de calma, e para iso o mellor é achegarse ás librarías.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/estratexia-3801030