Cando un problema leva trinta anos sen solución, igual debéramos pensar que xa toca. Que seguir mareando a buxaina abonda e, que incluso, é mellor un acordo que non satisfaga a todos, pero que resolva dunha vez o asunto. Xa non estamos en tempo de tormentas de ideas, máis cando todos os partidos pasaron polos diversos gobernos locais de Ferrol. Seguir danzando co mesmo é sinónimo de incapacidade, cando menos para o conxunto da cidadanía.
Por iso, acerta o alcalde Ángel Mato cando non lle cambia nin unha coma ao famoso “Convenio de Defensa”, asumindo o que deixara feito o líder da oposición José Manuel Rey Varela. Si, os tempos son chegados. E, por estas cousas raras que ten a política local, a cidadanía está a espera de que este último asuma a súa responsabilidade para darlle xa un final a unha necesidade estratéxica de Ferrol de reordenar o centro da cidade, por estar por medio o “Sánchez Aguilera”.
O líder da oposición, máis atento á vindeira cita electoral e preso dun PP galego sen xefe tras a marcha de Feijoo, terá moito que contarlle ás ferrolás e ferroláns. Na memoria a perda que el provocou de case dous millóns de euros para remodelar a primeira milla da Estrada de Castela. E agora?
https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/convenio-rey-varela-4127905