Un acordo por Ferrol

Ángel Mato e o grupo socialista lograron a aprobación do chamado “Convenio de Defensa”. Era tempo de pechar o estéril debate deste últimos trinta anos. Pode gustar máis o menos, podemos ser críticos con que o ministerio de Defensa actúe como unha inmobiliaria, pero tocaba resolver. Por iso, é de agradecer o cambio de opinión do Partido Popular e tamén de Ferrol en Común.

Pero, seríamos incautos se consideraramos o acontecido como a evidencia de que si podemos artellar acordos de cidade? Quizais o preto que están as vindeiras eleccións municipais obrigaron a mudar dinámicas de non colaboración co actual goberno municipal?

Así estes días Rafael Fernández Beceiro, novo concelleiro de Facenda, xa tivo que facer fronte ás acusacións por parte da dereita e do nacionalismo sobre o nivel de investimento. E el non deixa de ter razón. Aquel goberno de maioría absoluta de Rey Varela só foi capaz de facer a metade de investimento, có actual goberno en minoría de Ángel Mato. Como vemos, realmente o importante é ter un proxecto de cidade e lograr abrir dinámicas que permitan sumar e lograr implementar o consenso social na cidade. Ás veces, menos suman máis, porque é cuestión de vontade e de traballo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/acordo-ferrol-4204009

O convenio de Rey Varela

Cando un problema leva trinta anos sen solución, igual debéramos pensar que xa toca. Que seguir mareando a buxaina abonda e, que incluso, é mellor un acordo que non satisfaga a todos, pero que resolva dunha vez o asunto. Xa non estamos en tempo de tormentas de ideas, máis cando todos os partidos pasaron polos diversos gobernos locais de Ferrol. Seguir danzando co mesmo é sinónimo de incapacidade, cando menos para o conxunto da cidadanía.

Por iso, acerta o alcalde Ángel Mato cando non lle cambia nin unha coma ao famoso “Convenio de Defensa”, asumindo o que deixara feito o líder da oposición José Manuel Rey Varela. Si, os tempos son chegados. E, por estas cousas raras que ten a política local, a cidadanía está a espera de que este último asuma a súa responsabilidade para darlle xa un final a unha necesidade estratéxica de Ferrol de reordenar o centro da cidade, por estar por medio o “Sánchez Aguilera”.

O líder da oposición, máis atento á vindeira cita electoral e preso dun PP galego sen xefe tras a marcha de Feijoo, terá moito que contarlle ás ferrolás e ferroláns. Na memoria a perda que el provocou de case dous millóns de euros para remodelar a primeira milla da Estrada de Castela. E agora?

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/convenio-rey-varela-4127905