Factura eléctrica

O luns, de sete a oito da tarde, tivemos o prezo máis alto deste ano da luz para as economías domésticas. Este máximo anual non é froito da oferta e da demanda, senón dun sistema que fomenta a especulación, por unha puxa que usan as eléctricas onde o último operador que oferta enerxía pon o prezo ao nivel máis alto posible, leváronse pola borda os beneficios dese sector da cidadanía que se ten vinculado ao bono social.

Así tamén, as industrias -máis as electrointensivas- sofren o oligopolio eléctrico, agravado coa directriz europea de acabar coas bonificacións do sistema da interrumpibilidade ao consideralas subvencións encubertas. O certo é que queda no aire que vai pasar con eses cincocentos millóns de euros que recibían até agora as industrias, e que as empresas eléctricas reclaman para si. As familias, e a economía produtiva, necesitan de prezos razoables e estables.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/factura-electrica/20171026004624206647.html

Irresponsable

A actitude do presidente Feijóo é a propia de quen se considera irresponsable en materia política. Incapaz de asumir ningunha autocrítica, incapaz de amosar ningunha empatía coa traxedia destes días. De aí o apagón informativo inicial nos medios públicos que controla o PP, de aí buscar fóra responsables: Portugal, a veciñanza que non denuncia aos supostos pirómanos ou tramas organizadas que buscan evitar avaliar o que se fixo mal ou, simplemente, aquelo que non se fixo.

O certo é que a xente estivo soa, sen medios, sen brigadas contraincendios suficientes, sen saber ben como facer porque non se coñecen protocolos de actuación. É evidente que hai que aumentar os medios e o persoal, que non se poden permitir recortes ou que as cantidades asignadas non se executen. Que necesitamos unha política forestal e de recuperación de poboación no rural, que hai que ordenar en definitiva a nosa casa.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/irresponsable/20171018232933205918.html

Sumando sinerxias

A pesar de intereses particulares que queren amolar, a costa de provocar unha escura cidade, non poderán con nós. Hai quen está empeñado en facer mal as cousas, pero outros seguiremos empeñados en abrir as fiestras para que o aire fresco inunde as nosas rúas, barrios e parroquias. Somos unha cidade viva, rebelde, produto do racionalismo da Ilustración, do modernismo de Ucha e da loita das súas xentes.

Cada cidade é un xeito de entender a vida, por iso temos dereito a decidir que Ferrol queremos. Por iso, son tan importantes encontros como os da semana pasada no Antigo Hospicio, sobre a reinvención de cidades atlánticas tras as súas crises, organizada polo Concello, ou a organizada polo Foro Ferrol Vivo en Ferrol Vello, e que fixo unha radiografía e propostas para a recuperación integral do barrio, entrada natural á cidade. Sumemos as sinerxías de toda administración, de todas e todos nós.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sumando-sinerxias/20171012001615205230.html

Villoslada desde a esquerda

A militancia socialista galega vai a elixir ao novo secretario xeral sufrindo unha campaña estraña. Axentes externos -a dereita mediática e o secretario xeral do PPdeG– fixeron todo o posible para conducir o voto das e dos militantes á “coalición” Leiceaga – Caballero, da que forman parte xentes de toda a vida como Pepe Blanco, Pachi Vázquez e Beatriz Sestayo. Eles din que son o “non aparato” e a “renovación”.

Así, para este domingo a voceira municipal espera capitalizar o seu apoio a un Gonzalo Caballero que -fai un tempo- non tivo problema en aplaudir a política económica de Rajoy. Pero, tamén obrigará a ir coa lingua de fóra a aqueles que queiran presentarlle candidaturas alternativas para o Congreso do PSdeG, xa que terán que saír correndo para o día seguinte poder presentarllas ás once horas. É tempo de cambiar aos que levan toda a vida en política, por iso eu aposto por Villoslada.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/villoslada-desde-a-esquerda/20171004230628204552.html

Salvemos a Piolín

A Warner anda preocupada pola imaxe do seu Piolín, convertido en incómoda icona do conflito catalán, desde que o ministro Zoido mandou ese buque vacacional como hoteliño para gardas civís e policías nacionais. Mentres, neste lares tivemos a apertura das obras no túnel de Brión para o acceso ferroviario ao Porto Exterior -e ante ausencias significativas- case convertida nun acto electoral, que parece abrir definitivamente esta longa precampaña cara ás municipais do 2019.

Así tamén cúmprese un ano da ruptura do pacto que sostiña ao actual alcalde de Ferrol, con reproches cruzados e curiosamente -como así temos lido nas páxinas deste xornal- a voceira municipal do PP exoneraba de toda culpa á socialista da situación na que se atopa o goberno local. Si, unha desfeita da que aínda nos esperan moitas crónicas. Mellor miremos fóra: Rajoy chama pronto a Puigdemont e salvemos a Piolín.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/salvemos-a-piolin/20170928002557203898.html