A vida sigue igual

Recoñézoo, non son fan de Julio Iglesias. Aínda que supoño que a maioría deben ser da quinta da miña nai, debe ter moitos seguidores na actual corporación ferrolá. A mediados de setembro, os mesmos anuncios e as mesmas respostas. Uns que veñen marcharán e a vida continuará igual, esta parece ser a banda sonora da política local desde fai moito tempo.

Baixo o mantra do “consenso” uns e outros seguen a construír ese muro Trump local, onde poder chorar as lamentacións da república independente da nosa casa. Hai quen está pola peonalización pero desexa o fracaso desta fin de semana, hai quen está pola licitación da reforma da praza de Armas ou do mercado de Caranza, pero para dentro de dous anos. Hai que resolver a subrogación do persoal de Emafesa e municipalizar? Pois prioritario aprobar uns novos orzamentos municipais para Ferrol. Máis, quen pon en sintonía a Suárez, Sestayo e Rivas?

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-vida-sigue-igual/20170920233250203149.html

Vixiantes

Aínda hoxe pode verse a pancarta enganchada no enreixado dun comercio, á entrada do centro comercial Porta Nova, na praza do Inferniño. Os vixiantes da extinta Segur Ibérica pedían unha solución que garantira os seus empregos, na Feira de Mostras e no propio centro comercial. Había un compromiso por parte do Concello que quedou en papel mollado. O certo é que levan un mes despedidos tras o fallo dun xulgado madrileño que disolveu a súa empresa.

Quizais os temos esquecidos, son poucos, unha ducia de traballadores, moitos cun longo historial laboral. Non teñen capacidade de mobilizar á opinión pública, nin a repercusión das grandes empresas que acostumamos. Non teñen voz. Prometéronlles “unha solución definitiva”, pero a realidade quedou nunha licitación municipal temeraria á baixa, que fixo imposible a subrogación destes vixiantes. Desde o Concello déronlles a súa palabra, deben cumprila.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/vixiantes/20170919231303203036.html

Báñez

A sobre actuación da ministra Báñez non durou nin dous telediarios. A “primavera do emprego e da recuperación económica” non é tal. Aumenta o paro e nin a suba do turismo axuda, e practicamente todo o emprego creado é temporal e de baixa calidade. Ferrol e a comarca foron na mesma senda este agosto, a pesar de haber unha morea de xente dun lado para outro. Iso si, Feijóo saca peito por uns resultados galegos aparentemente mellores, aínda que non significativos no conxunto de España.

Si, aumenta o emprego en Galicia aínda que case todos os novos contratos son en precario. E as nosas contas van mellor a causa do aumento das exportacións da empresas galegas -ante a ausencia de demanda interna- e aumenta a renda galega, grazas a que tamén exportamos moreas de galegas e galegos cara á emigración. Hai recuperación macro económica, pero o reparto dos beneficios é claramente desigual.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/banez/20170906233459201667.html

Bolardos

A catorce días dos atentados de Barcelona e Cambrils seguimos sen entendelo. Son feitos que quedan impresos na memoria colectiva e necesitamos saber que imos facer todo o posible para que nunca máis volva a pasar. Non vale usar ás vítimas e ás familias para regates en curto. Sería recomendable que a algún dirixente da dereita mandárano calar, non estamos nunha guerra de civilizacións, nin eran crentes. Eran terroristas e punto.

Pero si temos que darnos respostas a cousas que facemos mal. Por que xente moza criada entre nós chega a isto? Por que non fomos quen de detectalo? Como reforzala convivencia? Está ben que Abel Caballero se sente co ministro para incorporar ás policías locais, aínda que deberán rectificar a “Lei Montoro” para que os concellos poidan contratar máis axentes. Pero nin iso nin os bolardos abondan. Así que fagan o favor de colaborar e de non facerse trampas.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/bolardos/20170831012543200926.html

Xogar ao despiste?

O luns á tarde chegábame a información dunha xuntanza entre o concelleiro de cultura e a directora xeral de turismo a causa do Camiño Inglés. Falábase duns investimentos para Ferrol, noticia que evidentemente tiña que ser ben recibida. Parecía que alguén ía cumprir coa súa obriga como administración. Pero, a alegría dura pouco na casa do pobre. Eran uns actos de música e teatro. Benvidos sexan, pero da Xunta esperamos moito máis.

Esta cidade ten moitas potencialidades. O referido Camiño Inglés, asentar unha ruta modernista, o turismo naval, posibilidades dun turismo industrial que abarque ao conxunto da ría. É dicir, hai moito que podemos gañar e moito que facer. Está ben calquera achega, pero para iso abondaba con que a Xunta llo notificara ao Concello para incluílo no programa de festas. Quizais, vai sendo hora de que saiban que temos un dereito á cidade que esixe máis. Moito máis.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/xogar-ao-despiste/20170823210247200200.html