Nin compensación é

Si, para moita xente moza de Narón vir hai trinta anos a Ferrol foi unha aposta pola liberdade, con acceso ao que facía mellor a vida e onde -supoñíamos- resólvense as cousas do día ao día. Co tempo aprendimos que iso non era así, que en Ferrol hai debates que non damos pechado. Esto vén a conto polo “breve” publicado, onte neste xornal, cunha foto de Daniel Alexandre.

Están a tapar os furados do aparcadoiro do Sánchez Aguilera, quizais como unha especie de compensación á cidadanía. Levamos décadas a voltas co convenio con Defensa, esta parcela é clave para a nova anatomía de Ferrol. Urbanización dun espazo central que comunica os ensanches e Santa Mariña co centro. O “futuro” retranqueo de Renfe e Feve, a Estación de Autobuses. É preferible un mal acordo a seguir a pasar, imprescindible o consenso político local. Un erro xogar a electoralismo de curto voo indo ao Congreso por libre.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/nin-compensacion-e/20181219211957243812.html

Nadal ou maio?

É certo que Ferrol xa está coa decoración adecuada e este frío repentino parece querer reforzar a idea de que estamos en nadal. Pero non é por causa do cambio climático, senón a temperatura política o que despista. Todo está en función da carreira á alcaldía de maio, todo ten ese envoltorio.

Dous exemplos: que sentido ten a polémica da apertura dos festivos, senón un intento de recuperar crédito entre a esquerda desafecta, usando como pim-pam-pum a un sector de comerciantes que ten poucos defensores neste segmento electoral? Ou que sentido ten que a Xunta anuncie unha intervención na rehabilitación de Ferrol Vello -co candidato do PP local- sen a presenza do resto da corporación e menos sen a concelleira de urbanismo, vulnerando normas básicas de protocolo?

Mais este tipo de propaganda é triturada no día polas redes sociais, vella política contraprogramada pola “acción directa” dun clic.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/nadal-ou-maio/20181212195656243367.html

Ferrol acolle

En tempos confusos as sociedades teñen sorte se poden mirarse no traballo de xente que só busca o ben común, o dereito de toda persoa a súa dignidade. Dedicarse a iso que chamamos solidariedade. Estes días a Asociación de Movilidad Humana -dirixida á poboación migrante- está a desenvolver unha campaña para que todas as persoas refuxiadas que chegan a Ferrol poidan pasar un inverno con roupa de abrigo, campaña apoiada polo Foro Ferrol Vivo e outras entidades.

Cando cuestións tan básicas como roupa, alimentación ou vivenda non está cubertas, igual debemos de preguntarnos que facemos mal. Hai que darlle as grazas a esta asociación e a súa campaña”Un nadal sen frío”. Están a cubrir un espazo necesario e que é evidente que as diversas administracións non cubren, alén da típica foto oportunista. Precisamente, estas novas ferrolás e ferroláns que son o Ferrol que acolle, fan mellores á nosa cidade.

https://www.diariodeferrol.com/content/print/ferrol-acolle/20181205222700242907

Teimudos

Ante a falta de palabra e a inanición da autodenominada “clase política” un pode encoller os ombros e mirar para outro lado, ou ben, pode remangarse e turrar contra os elementos para que -as e os que fallan á cidadanía- saiban que imos facer todo o posible para obrigarlles a camiñar na dirección correcta.

Así, tres entidades ferrolás acaban de sumar esforzos para unha causa común: “Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración”. Foro Ferrol Vivo, Ruta Naval e Paferr decidiron sumar e xerar ilusión. Traballar xuntos para implementar e dar a coñecer o patrimonio das e dos ferroláns de cara á UNESCO.

Si, Ferrol será o que queiran as súas xentes. Así que non falten á cita deste sábado á mañá no salón da SGHN, en Canido. Aínda que sexa para darlles no morro a eses políticos que están tan ocupados que non teñen tempo que adicarlle á cidade, e cando o importante é estar xerando ilusión por Ferrol.

A oportunidade

É posible abrir portas e ventás a un pacto por Ferrol, sentar as bases da cidade ecolóxica que queremos para este século, construír a nosa forma de estar e entender este mundo globalizado. Apartar o oportunismo e a mediocridade dos que veñen a vivir do conto e as prácticas machistas das herdeiras da sección feminina, que odian ás verdadeiras feministas igualitarias.

A oportunidade vén, outra vez, da man das e dos socialistas, que este último domingo miraron cara ao seu espello. Decidiron pasar páxina, entenderon que non valen nin os xestos nin a palabraría baleiros, que non vale a mala política. É posible un novo programa socialista, saldar as contas pendentes e traballar por un Ferrol con futuro.

É posible unha ecoloxía feminista aplicada a un municipalismo libertador. O resultado das primarias do socialismo local permite que, en Ferrol, a cidadanía poida dicir aquelo de Obama: yes, we can!

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-oportunidade/20181121225120242001.html