Ceuta

Novamente, as incapacidades do PP para asumir as súas obrigas institucionais, buscando a quen culpar dos seus fracasos na xestión. Isto foi así nas riadas e nos incendios forestais e, agora, en Ceuta. Nesta cidade, na práctica, houbo que artellar un “155 brando” para que o Goberno de España asumira desde o principio a resposta.

Os dirixentes do PP e Vox negáronse a pechar filas co Goberno de Sánchez, na crise de Ceuta. Apostaron por sumarse á confrontación contra España promovida por Trump, Netanyahu e Meloni. En calquera caso, o acontecido é o fracaso da política migratoria imposta polas dereitas ao conxunto da UE, que descansa o control fronteirizo en países veciños que non respectan os dereitos das persoas.

Levamos oito anos de normalización do acoso ás esquerdas e a Pedro Sánchez. Estamos asistindo á repetición dos erros da CEDA a prol do ascenso da ultradereita. As convocatorias contra o goberno de España promovidas polo PP ten como único beneficiario a Vox e grupos máis radicais.

En Ferrol, vimos como nas redes sociais os ultras impoñían o seu relato contrario á convivencia democrática. Hai unha gran preocupación de amplos sectores de veciños migrantes, que vense obxectivos dos seus odios.

Ser letra viva

Hai vinte días Jorge Guzmán, xornalista desta casa, publicaba un interesante traballo sobre a poboación estranxeira en Ferrol. Nós cun 4,5% temos a porcentaxe máis baixas das grandes cidades galegas e o quinto da comarca. Engadir que – no conxunto de España – aportan o 10% das cotizacións á Seguridade Social e só supoñen o 1% do gasto.

Por outra banda, o escritor e apátrida, Sergio Ramírez publicaba un fermoso artigo lembrando o seu exilio e a chave gardada da súa casa en Managua. Os sefardís na Idade Media e os mouriscos españois facían o mesmo. Igual que moitos galegos emigrados. Poucos volveron, a maioría nunca.

Ramírez conta como unha maleta aberta representa a incerteza ante a vida nova, o tránsito burocrático para conseguir os permisos de residencia e traballo. Así que cando pechas esa maleta, sabes que nunca máis volverás aos lugares da túa memoria.

Quizais o asunto é como ben di, ser letra viva. Non perder a túa singularidade e que sexa unha verdadeira terra de acollida. A implementación de políticas para a integración e a convivencia, desde o Concello, son prioritarias, xunto co tecido socio-cultural e relixioso. Máis fronte os abusos dos elementos tóxicos e os prexuízos primarios.

Albaneses

Hai que felicitar ao Diario de Ferrol pola cabeceira de onte. Igual parece unha bobada, pero levar na portada o tráfico de persoas, neste caso mozos albaneses, serve como chispazo á nosa conciencia, que máis no verán está bastante laxa.

Xa teño comentado que quen temos a sorte de ter “unha vida normal” dános a impresión de que en Ferrol nada acontece. Hai uns meses houbo unha redada contra outra mafia que traficaba e prostituía a mulleres e que non causou debate ningún, nin nos estamentos políticos nin nos sociais da cidade. A solidariedade vai tamén por barrios.

Pero, volvendo aos polisóns albaneses que ían cara ao Reino Unido, as autoridades e a Xunta, en primeiro lugar, deben reforzar os medios materiais e humanos da policía portuaria. Así como dispoñer medios suficientes para asistir ás vítimas, porque – sobre todo – isto é un problema de respecto aos dereitos fundamentais de cada persoa.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3090131/albaneses

Migracións e violencias

Cando estaba a escribir – onte – este “Letras de Cambio”, o Concello de Ferrol daba a alerta, a través das súas redes sociais, polos ventos rachados, pero ben podería darse pola situación de vulnerabilidade na que está unha parte – cada día máis importante – da nosa poboación, refírome a esas persoas latinoamericanas, do Caribe e outros lares. Lamentablemente, hai quen non recoñece que todas as persoas teñen os mesmos dereitos e merecen o mesmo respecto: que non hai cidadáns de segunda.

Así son demasiado frecuentes situacións de persoas migrantes que traballan sen contratos ou vítimas de abusos de todo tipo. Por iso, resultan de vital importancia xornadas como as de “Migracións e Violencias” (nesta edición centradas nas empregadas do fogar) da concellaría de Benestar da Corporación ferrolá e da Asociación Mobilidade Humana, e máis cando hai quen fomenta o odio para romper a convivencia democrática.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/migracions-violencias/20191219010047270862.html

Feliz 2019!

Si, son consciente das eivas herdadas da gran depresión social que arranca coa crise do 2008. E aí están os informes achegados nos derradeiros días do 2018 por entidades que traballan con usuarios e usuarias da Cociña Económica, do albergue de Caranza ou de Cáritas en Ferrol. Que haxa un aumento, tanto por parte da poboación local, de persoas transeúntes ou migrantes, deixa ás claras que a recuperación afunde as súas raíces nunha desigualdade estrutural.

Se engadimos a constante perda de poboación, unha menor natalidade produto da emigración e do precariado laboral e que nin sequera somos unha cidade atractiva para consolidar un maior nivel de persoas estranxeiras, temos unha foto infeliz. Necesitamos dun acordo por Ferrol.

A pesar das incertidumes para este novo ano, permítanme un poso de optimismo. Creo que o futuro non está escrito, trátase de sumar para dar lugar a unha vontade colectiva.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/feliz-2019/20190102201120244531.html