Feliz 2019!

Si, son consciente das eivas herdadas da gran depresión social que arranca coa crise do 2008. E aí están os informes achegados nos derradeiros días do 2018 por entidades que traballan con usuarios e usuarias da Cociña Económica, do albergue de Caranza ou de Cáritas en Ferrol. Que haxa un aumento, tanto por parte da poboación local, de persoas transeúntes ou migrantes, deixa ás claras que a recuperación afunde as súas raíces nunha desigualdade estrutural.

Se engadimos a constante perda de poboación, unha menor natalidade produto da emigración e do precariado laboral e que nin sequera somos unha cidade atractiva para consolidar un maior nivel de persoas estranxeiras, temos unha foto infeliz. Necesitamos dun acordo por Ferrol.

A pesar das incertidumes para este novo ano, permítanme un poso de optimismo. Creo que o futuro non está escrito, trátase de sumar para dar lugar a unha vontade colectiva.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/feliz-2019/20190102201120244531.html

Ferrol acolle

En tempos confusos as sociedades teñen sorte se poden mirarse no traballo de xente que só busca o ben común, o dereito de toda persoa a súa dignidade. Dedicarse a iso que chamamos solidariedade. Estes días a Asociación de Movilidad Humana -dirixida á poboación migrante- está a desenvolver unha campaña para que todas as persoas refuxiadas que chegan a Ferrol poidan pasar un inverno con roupa de abrigo, campaña apoiada polo Foro Ferrol Vivo e outras entidades.

Cando cuestións tan básicas como roupa, alimentación ou vivenda non está cubertas, igual debemos de preguntarnos que facemos mal. Hai que darlle as grazas a esta asociación e a súa campaña”Un nadal sen frío”. Están a cubrir un espazo necesario e que é evidente que as diversas administracións non cubren, alén da típica foto oportunista. Precisamente, estas novas ferrolás e ferroláns que son o Ferrol que acolle, fan mellores á nosa cidade.

https://www.diariodeferrol.com/content/print/ferrol-acolle/20181205222700242907

#EuConGrecia

Os gregos están chamados ás urnas para dentro duns días, o feito por Txipras convocando ao seu pobo é un acto de dignidade e de democracia. Fronte á pretensión da dereita de abortar todo intento de rebelión democrática contra o austericidio, que foi imposto para salvar aos bancos privados e que trasladáronnos as súas débedas ao conxunto dos pobos do sur de Europa.

Resulta kafkiano escoitar ao ministro De Guindos, el que é un dos responsables da crise xunto con Rodrigo Rato, que Grecia débenos cartos. É mentira. Son os grandes bancos alemáns, franceses e a nosa propia banca os culpables.

Hai un dueto entre Maná e Shakira que di que “hai doutrinas e oradores, ditadores sen piedade que gobernan sen verdade e hai mentiras nos diarios, nas redes e hai enganos que por anos ocultaron a verdade, nun mundo tan irreal que non sei que crer”. Eu creo en Grecia.

Enlace web a Diario de Ferrol

 

 

Sáhara

Vén de renovarse o programa “Vacacións en paz” entre a Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e o Concello de Ferrol. Parabéns. Así, a nosa cidade volve amosar unha solidariedade efectiva coa ex colonia española. En especial, con nenas e nenos menores de doce anos, que no verán estarán entre nós.

Temos unha débeda pendente co pobo saharaui. Esquecemos, ás veces, que foi o corrupto réxime franquista quen deixou a este pobo, que a mediados dos anos setenta, tiña a nacionalidade española sós fronte unha ocupación marroquí, que miren por onde, tamén tivo o apoio dos EEUU.

Unha postura de claro apoio ao pobo saharaui frearía as pretensións da monarquía alauí en Ceuta, Melilla e Canarias. Ademais, de reforzar aos sectores democráticos no propio Marrocos. En calquera caso, benvido a renovación do convenio, e que Ferrol volva a acoller ás nenas e nenos saharauis.

Enlace web á columna “Letras de Cambio”, Diario de Ferrol.