Comercios play off

Sería moi interesante un bo estudio da problemática que teñen os comercios que hai na Magdalena, e que apunta a múltiples causas. Crise demográfica unida á económica que sofre o país e a precariedade laboral, fan que as compras non acaben de bulir. Tamén os novos hábitos de consumo “on line” evidencian un, cada vez, maior dominio das plataformas dixitais, que provocan constantes campañas fóra de temporada e con descontos adicionais. A nivel local, seguramente a lea polo día de San Xiao tampouco axuda.

Un activo é esa poboación maior, normalmente de clases medias, que compra para si e as súas familias, que escapa das grandes áreas comerciais e fomenta o comercio de cercanía. Noutro orde de cousas, son dos que pensa que o peche do aparcadoiro da Armas non tivo influencia, pero si que é necesaria unha pronta e eficaz peonalización, xunto cun programa de dinamización a implementar entre comerciantes, veciños e Concello.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/comercios-play-off/20190123203930245839.html

E ti de quen vés sendo?

A cidadanía -cando lle falan de cartos públicos- pregunta aquelo de “e ti de quen vés sendo?”. Hai tres días tíñamos uns orzamentos impostos a Sánchez por Podemos, e agora xa non? Son ou non uns orzamentos sociais?

E se unha cousa aprendimos estes anos, é que o PP engordaba tanto as contas de Rajoy que, finalmente, a realidade era o corenta por cento. Así as contas socialistas e como todo mellorables, pero sen maquillaxe, de Sánchez para Galicia son dun trinta por cento máis. Non inclúen, nesta suma, nin a avultada cifra a cargo das F-110, nin o gasto social a prol das e dos galegos.

No eido comarcal, parece que debemos destacar o previsto para Feve, e polo tanto, felicitar ás alcaldías rurais de Ferrolterra e Ortegal. Foron teimudos e unidos por riba das súas ideoloxías. A nivel local faltan moitas cousas, pero cantos acordos impulsaron xuntos os grupos municipais? Reforzaron o liderado de Ferrol?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/e-ti-de-quen-ves-sendo/20190116194925245372.html

Benvida señora ministra

Estimada ministra Margarita Robles sexa vostede benvida. Escúsenos se, por un intre, podemos parecer malos anfitrións. Si, hai quen ten gañas de apurar un titular de prensa, de colarse na súa foto. Non se preocupe, o próximo día 21 de xaneiro, todas e todos estarán con vostede celebrando a súa visita a Ferrol. Ninguén quere quedarse sen a foto das F-110, aquí considerado case como o novo maná bíblico.

Non se tome a mal a “radicalidade” da dereita no Congreso a prol do dique seco, que eles non contemplaron, nin crea -a pesar diso- que a cuestión de Navantia é menor, e menos cando outros, o primeiro que fixeron, foi cuestionar a Susana Sarriá e pedir que volvera a anterior dirección do PP.

Ferrol ten unha esperanza confusa, respira con alivio coas novas contratacións pero tamén algo está roto dentro de Bazán, entre prexubilables e os que quedan. Pero iso é algo que só os traballadores do naval poden solucionar.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/benvida-senora-ministra/20190109223954244953.html

Feliz 2019!

Si, son consciente das eivas herdadas da gran depresión social que arranca coa crise do 2008. E aí están os informes achegados nos derradeiros días do 2018 por entidades que traballan con usuarios e usuarias da Cociña Económica, do albergue de Caranza ou de Cáritas en Ferrol. Que haxa un aumento, tanto por parte da poboación local, de persoas transeúntes ou migrantes, deixa ás claras que a recuperación afunde as súas raíces nunha desigualdade estrutural.

Se engadimos a constante perda de poboación, unha menor natalidade produto da emigración e do precariado laboral e que nin sequera somos unha cidade atractiva para consolidar un maior nivel de persoas estranxeiras, temos unha foto infeliz. Necesitamos dun acordo por Ferrol.

A pesar das incertidumes para este novo ano, permítanme un poso de optimismo. Creo que o futuro non está escrito, trátase de sumar para dar lugar a unha vontade colectiva.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/feliz-2019/20190102201120244531.html

De oca en oca

O pasado venres a xente estaba máis ás cousas propias do Nadal que ao pleno extra convocado pola leal oposición. Ata o propio alcalde de Ferrol decidiu faltar ese día. E non dubido que a maioría sindical, que representa ás e aos traballadores municipais, teñen motivos dabondo para estar enfadados e que as súas demandas deben ser resoltas. Pero Jorge Suárez cun chiscar de dedos doulle a volta ao que parecía ser unha xornada caudina para el.

O que queda é que aquelo acabou sendo un acto de precampaña do PP, que lavou imaxe a costa dos propios sindicatos cando están a reivindicar a anulación da súa reforma laboral e, máis, cando hai responsabilidade directa deste partido na actual situación laboral do Concello. Así, tanto Iván Rivas e Roberto Montero acertaron, estiveron o imprescindible para apoiar as reivindicacións laborais, pero marcharon antes de xogar coa dereita a ir de oca en oca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/de-oca-en-oca/20181226202146244186.html