Anuncios electorais

Hai que felicitar a Martina Aneiros que, tras once anos de concelleira, ocupa xa a delegación territorial da Xunta de Galicia para Ferrol. Este é un nomeamento cunha grande carga política e electoral, reforzado ademais cun perfil persoal e profesional estreitamente vinculado á cidade.

É certo que ás urbes séntalles ben os períodos preelectorais. Tras a nova delegación da Xunta – esperemos que con contidos reais – chegan unha serie de novas por parte de Feijóo, que máis parece terse autonomeado concelleiro número vinte e seis de Ferrol.

O anuncio dunha nova senda peonil e carril bici do porto até a Cabana ou a Zona Rexurbe para Ferrol Vello parece que deixan de ser un simple cartel á carón da Praza Vella. Incluso é gratificante saber superadas as reticencias da dereita cara á figura de Carvalho Calero e a súa casa natal da rúa San Francisco. Ou o financiamento “ilimitado” das ampliacións do Marcide.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/anuncios-electorais-3426153

A pancarta

Desde os anos oitenta a cidade de Ferrol perdeu unha terceira parte da súa poboación. Cada día estamos máis lonxe das grandes cidades galegas, que máis ou menos van mantendo os seus niveis, e no noso caso nin as subas puntuais, doutros concellos da comarca, compensa esta perda poboacional. Isto trae consigo unha perda de músculo industrial.

Estes días estivo a ministra de Transportes Raquel Sánchez. Desde o seu partido faláronlle dos déficits nas infraestruturas, xentes doutro partido decidiron ir a dar voces cunha pancarta.

Si, cada quen é libre de facer como considere. Pero, os partidos con verdadeira vocación de mellorar a vida da xente, de forxar maiorías sociais, con ambición de goberno non mandan – a un acto – aos seus membros a molestar aos militantes dos partidos que son os teus socios preferentes. Ás veces unha pancarta exhibe as carencias do seu portador.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pancarta-3418096

Salvados polos libros

Cando pase un tempo seguro que teremos estudios de como afecta a pandemia da Covid-19 aos diversos eidos da nosa vida e saúde. Un dos máis interesantes será aquel que teña que ver coa emocional, de como facer fronte ao illamento e, en moitos casos, á soidade.

Ese vinte e cinco por cento de suba xeral nas vendas de libros con respecto aos anos anteriores, resulta ser unha boa nova. Aquela lenda urbana que falaba da fin do libro en papel e dunha redución ao mínimo dos nosos hábitos de lectura, resultou chocar coa realidade.

En cada localidade, nós en Ferrol, deberíamos agradecerlles ás nosas libreiras e libreiros a súa vocación. A súa pelexa diaria por manter os seus negocios tan maltratados pola nosa sociedade. Libraría Galiano, as dúas Centrales, a do Cantón, Estraviz, Limiar (sumen a esta lista todas esas que faltan)… tamén son parte fundamental na loita contra todas a vagas da pandemia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/salvados-polos-libros-3390848

Bon tempo

Levamos uns anos que temos o tempo “un pouquiño mareado”. Na mesma semana temos xeo, frío, calor e auga, manga curta e dobre. Resulta rechamante que nestas datas, acabadas de nadal, a estes “días primaverais” por momentos, todos – prensa incluída – dámoslles a etiqueta de “bon tempo”. Lonxe quedan aqueles invernos rigorosos, onde comezaba a chover en setembro e non paraba até o mes de xuño.

Así vese, novamente, a importancia da linguaxe e a nosa subxectiva visión de curto prazo. Baixo este traxe, en Ferrol, non somos quen de ver que tamén estamos a padecer unha situación de crise climática. Afortunadamente, aínda non azoutan os fenómenos medioambientais doutras zonas do país.

O que si, xa afecta á nosa vida. Díganllo, por exemplo, ás xentes do campo coas colleitas queimadas, ou nós mesmos, que – ante esta confusión de estacións – non sabemos que roupas poñer ou comprar para o día seguinte.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/bon-tempo-3367326

Blackberry

No 1984 tan literario naceron as BlackBerry. Supoño que como moitos de vostedes eu tamén quixen ter unha. Era un móbil elegante, diferente. Agora as tradicionais deixarán de ter asistencia técnica, simplemente porque o mundo é de Apple e dos Android. Xa ven como todo pasa.

Co desenvolvemento da telefonía viñeron as redes sociais e con iso cambios culturais profundos, que se non somos quen de ser críticos, acaban provocando en nós unha permanente angustia que obriga a que resolvamos as nosas cousas cunha inmediatez compulsiva sen sentido.

A maiores, neste nadal en Ferrol vimos pola rúa a moita xente inquieta, seguramente un xeito de expresar o seu desacougo pola persistencia da pandemia. Si, estamos cansos, fartos de restricións e de contaxios. Fágolles unha proposta, fagamos só unha paradiña. Respiren. A felicidade é outra cousa e seguro que encontramos o camiño. Márcollo como tarefa para este 2022.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/blackberry-3362144