Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

Rúa da Igrexa

Á espera de solucionar as alegacións aos orzamentos municipais, incluída esa “curiosa” do PP pola porta traseira, estes días estamos vendo como xa non estamos atrapados en resolver as situacións máis complicadas da pandemia e acabou, tamén, a situación de bloqueo total que viña da anterior Corporación.

Como mostra, a presentación do proxecto de reurbanización da rúa da Igrexa, que presentaba aos medios o concelleiro Julián Reina. E aí vese como os proxectos de cidade, os que de verdade importan, por algunha “estraña” razón vanse atrasando no tempo. O proxecto orixinal, hoxe reformulado, arranca do mandato do alcalde Irisarri e do, entón, concelleiro de urbanismo Ángel Mato.

Todos sabemos da importancia e seriedade desta intervención necesaria, que necesitará do seu xusto tempo. Pero, a nova rúa Igrexa será un pulo de primeira orde para o centro de Ferrol e para o propio comercio local.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3096473/rua-da-igrexa

Albaneses

Hai que felicitar ao Diario de Ferrol pola cabeceira de onte. Igual parece unha bobada, pero levar na portada o tráfico de persoas, neste caso mozos albaneses, serve como chispazo á nosa conciencia, que máis no verán está bastante laxa.

Xa teño comentado que quen temos a sorte de ter “unha vida normal” dános a impresión de que en Ferrol nada acontece. Hai uns meses houbo unha redada contra outra mafia que traficaba e prostituía a mulleres e que non causou debate ningún, nin nos estamentos políticos nin nos sociais da cidade. A solidariedade vai tamén por barrios.

Pero, volvendo aos polisóns albaneses que ían cara ao Reino Unido, as autoridades e a Xunta, en primeiro lugar, deben reforzar os medios materiais e humanos da policía portuaria. Así como dispoñer medios suficientes para asistir ás vítimas, porque – sobre todo – isto é un problema de respecto aos dereitos fundamentais de cada persoa.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3090131/albaneses

Indolencia

As restricións por mor da pandemia e a conversión do teléfono móbil no principal instrumento para informarse do que acontece está a provocar a fragmentación social, unha maior facilidade para a manipulación da xente e a creación de moitas situacións de illamento – burbulla que distorsiona o coñecemento da realidade.

Estes días rexeitaba unha solicitude dunha fracción post 15M, agora negacionista, chegada ás miñas redes sociais. Como é posible que un grupo “alternativo” acabe facendo campaña contra as vacinas? Ou como é posible que estes días todos estiveramos atentos a aquel bulo que supostamente discriminaba aos madrileños na hostalería ferrolá?

Simplemente por indolencia. Ao longo dos anos fomos aceptando unha xeira de bobadas, de cabalos de Troia disfrazados de progresistas, que non queríamos combater por non enfrontarnos con elas e agora a bóla de neve é tal que vainos acabar por afogar.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3083041/indolencia

https://www.diariodebergantinos.com/texto-diario/mostrar/3083200/indolencia

Pittsburg

Hai unha década houbo outra viaxe á sede central de Alcoa en Pensilvania. Daquela foi a cargo de Rajoy e Feijóo, crendo que con aquel acordo arranxaba o problema das súas factorías españolas. Craso erro e, por medio, metéronnos a todos.

Estes días cúmprense 8 anos das mobilizacións de Megasa en Narón. A instancia de Feijóo, o entón ministro Soria modifica a orde ministerial IET/2804/2012 pola que, para facilitar as demandas de Alcoa, provocaba competencia desleal entre empresas do mesmo sector con tarifas eléctricas desiguais. Iso sumado á privatización de Aznar e Rato, que consolidara un oligopolio de 5 grandes operadores eléctricos, provoca a tormenta perfecta.

Todos desexamos que os traballadores/as de Alcoa logren unha saída de futuro con esta visita da ministra socialista Reyes Maroto. Oxalá, pero resulta curioso que unha multinacional aposte pola nacionalización de facto de Alcoa – Cervo.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3058658/pittsburg

Aritmética variable

Os gobernos locais socialistas, de sempre, destacáronse por unha grande xestión. E o actual goberno suma unha enorme capacidade mediática e algunha concelleira todo terreo.

Iso vese na programación de cara ao verán cun feixe de iniciativas que saen directamente do Concello ou coa súa participación. De feito, o Partido Popular só tivo ocasión de criticar a falta de folletos turísticos nos primeiros días, cuestión debida a que até última hora non se sabía se a Armada ía abrir as súas instalacións a estas actividades. Acusar ao goberno local de falta de política turística choca coa realidade.

Si, a política local depende da “aritmética variable” da que fala o ex alcalde José Manuel Rey. Iso provoca que os grandes proxectos custen máis (aínda que a remodelación das Pías é outro tanto do Goberno Mato). Pero, iso non esgota nin a responsabilidade do goberno de liderar, nin a da oposición de sumar.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3048342/aritmetica-variable