Rúa da Igrexa

Á espera de solucionar as alegacións aos orzamentos municipais, incluída esa “curiosa” do PP pola porta traseira, estes días estamos vendo como xa non estamos atrapados en resolver as situacións máis complicadas da pandemia e acabou, tamén, a situación de bloqueo total que viña da anterior Corporación.

Como mostra, a presentación do proxecto de reurbanización da rúa da Igrexa, que presentaba aos medios o concelleiro Julián Reina. E aí vese como os proxectos de cidade, os que de verdade importan, por algunha “estraña” razón vanse atrasando no tempo. O proxecto orixinal, hoxe reformulado, arranca do mandato do alcalde Irisarri e do, entón, concelleiro de urbanismo Ángel Mato.

Todos sabemos da importancia e seriedade desta intervención necesaria, que necesitará do seu xusto tempo. Pero, a nova rúa Igrexa será un pulo de primeira orde para o centro de Ferrol e para o propio comercio local.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3096473/rua-da-igrexa

Cores para Recimil

Sei que estou a cometer unha imprudencia, recoñecendo a miña ousadía ao opinar de cuestións urbanísticas, pero neste noso Ferrol, xa saben que o máis pintado é capitán.

Non podo deixar pasar, agora que están na rehabilitación integral dos dous bloques de Recimil, o que finalmente volverá a ser o seu aspecto exterior. Son dos que aínda cre que a intervención, da etapa do alcalde Irisarri, con múltiples cores (granate, laranxa, verde e ocre alternados e combinados co branco) dáballe unha necesaria alegría a este céntrico barrio.

Foi unha denuncia do PP local ante a Dirección Xeral de Patrimonio, da súa Xunta de Galicia, a que obrigou a volver ao beixe orixinal dos anos corenta. Descoñezo as razóns técnicas. Sempre dubidei se era unha cuestión patrimonial ou de aporofobia. Pero, non me fagan caso. Eu son ninguén. Aquí, o primeiro, é rehabilitar e darlle unha nova vida ás vivendas en favor da veciñanza.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/cores-para-recimil/20190821224635263111.html

Flor de amor

Non están cansos de andar pola rúa e ver como os coches “okupan” todo? As dobres filas, os aparcamentos indebidos? Non están cansos de saltar da beirarrúa á calzada? Habituais estampas que temos todos os días na praza do Inferniño, á entrada á rúa Catalunya na praza de España ou na rúa da Terra, por citar tres exemplos. Unha cidade tamén é a súa forma de moverse e de pór en primeiro lugar ás persoas. Iso é calidade de vida.

Neste senso, dende a concellaría de Urbanismo, parécenos mandar unha mensaxe subliminal: contra o asalto dos coches, bancos de pedra e flores de amor. Non son quen para saber se estas flores son axeitadas para o Cantón, pero – cando menos – si resultan mellores que seguir deixando estragalo todo (outro asunto é que estas cousas merezan unha planificación pequena, máis grande ou medidas disuasorias). Pode parecer un tema menor, pero é un xeito de ir aprendendo cales son as prioridades.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/flor-de-amor/20190410192129253073.html