A Carioca ferrolá

Hai dezaoito meses houbo unha macro redada en diversos barrios da cidade. A policía buscaba acabar cunha rede de trata de mulleres venezolanas obrigadas a prostituirse en diversos pisos e locais de “alterne”. Agora, é tras o proceso aberto polo Xulgado número 2 de Ferrol, a Audiencia Provincial da Coruña vai abrir – a partir do día 20 deste mes – o proceso contra os proxenetas. E xunto á trata de mulleres vai o de tráfico de drogas e a petición de máis de vinte anos para algún dos procesados.

Son feitos que parecen alleos ás nosas vidas, pero que pasan en pisos que temos nas nosas rúas. Veremos como se desenvolve esta peza separada nos xulgados, pero é evidente que a tan ansiada lei estatal para abolir a prostitución e protexer ás mulleres e menores é máis necesaria que nunca. Quizais o primeiro sexa que a loita contra esta lacra pase, da unidade de estranxeiría, a unha especial de violencia de xénero.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-carioca-ferrola/20201021023406290131.html