Indolencia

As restricións por mor da pandemia e a conversión do teléfono móbil no principal instrumento para informarse do que acontece está a provocar a fragmentación social, unha maior facilidade para a manipulación da xente e a creación de moitas situacións de illamento – burbulla que distorsiona o coñecemento da realidade.

Estes días rexeitaba unha solicitude dunha fracción post 15M, agora negacionista, chegada ás miñas redes sociais. Como é posible que un grupo “alternativo” acabe facendo campaña contra as vacinas? Ou como é posible que estes días todos estiveramos atentos a aquel bulo que supostamente discriminaba aos madrileños na hostalería ferrolá?

Simplemente por indolencia. Ao longo dos anos fomos aceptando unha xeira de bobadas, de cabalos de Troia disfrazados de progresistas, que non queríamos combater por non enfrontarnos con elas e agora a bóla de neve é tal que vainos acabar por afogar.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3083041/indolencia

Lei Celaá

Quero ser respectuoso coas persoas. Mais, non deixa de sorprenderme que unha caravana de coches ou colexios concertados con lazos laranxas propaguen bulos, simplemente, porque non aceptan a capacidade das persoas de elixir libremente. Un pode ter a posición ideolóxica que queira ou vivir como considere (e na maioría dos casos como pode). Pero non se pode usar a mentira como estratexia, e todo para buscar bronca política.

Precisamente, a última reforma educativa vai garantir que as familias si poidan elixir libremente o centro público ou concertado que queiran e non ser discriminadas se non poden pagar as diversas taxas que poñen nesta última para segar o perfil, excluíndo ás familias máis vulnerables. Deberán ter os mesmos baremos que na pública, non poderán discriminar as nenas e deberán garantir a competencia tanto en castelán como en galego (tal e como di a nosa Constitución e o noso Estatuto).

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ley-celaa/20201124223905292159.html