Descoñecido's avatar

Acerca de Manuel Cendán

"Un murmurio de palabras". https://manuelcendan.com

En campaña

Vaise achegando o 1 de marzo, data que imos compartir os galegos cos vascos. Hoxe estivo en Ferrol o Presidente Touriño nun paseo electoral polo barrio de Recemil, até chegar á Praza de Armas, onde está situada a Casa Consistorial. Non teño dúbida de que vaise reeditar o pacto de goberno do PSdeG – PSOE co BNG.

O PP vai baixar. O axente 009 xa ten bastante co que acontece no seu partido, como para ter algunha opción, e a iso hai que sumarlle que até hai uns días tiña como candidato a Conselleiro de Economía a un tiburón das Illas Caimán. En fin…

Na pre-campaña nesta comarca, destacou o acto do PSdeG no Concello de Narón o pasado 6 de febreiro. Un mitin con catro mulleres socialistas, impensable nas outras forzas políticas: Katy García, Bea Sestayo, Carmela Silva e Mar Barcón.

Foi un mitin, onde houbo xente que tivo que marchar por falta de sitio. Narón, unha vez máis, amosou o seu potencial de crecemento do proxecto socialista. A dirección do PSdeG e do propio PSOE o deberan ter en conta. Unha aposta por Narón en serio, reportaría grandes beneficios políticos aos socialistas.

Déixovos cunhas fotos que saquei nese día  (pinchade nelas para agrandalas); e o vídeo superior é de A Nosa Terra, que tamén estiveron alí.

naron_carmela_12naron_carmela_2naron_carmela_5

naron_carmela_41

Zapatero é a alternativa

Estes días a Radio Galega comentaba que desde o Gabinete da Presidencia do Goberno de España, estaban a ter conversas cos dirixentes sindicais de UGT e CCOO. A crise económica embarga xa todo o discurso político e, cada vez está máis claro, que lonxe de maximalismos é necesario un gran acordo que cando menos acade o nivel que no seu día tiveron os Pactos da Moncloa, e serviron de base para o cambio político que alumeou aquela democracia moza e un novo Estado.

Mais, hai quen que como xestores provocaron esta crise social, pretenden neste río revolto – onde o conxunto das esquerdas andan desorientadas – seguir coa política neoliberal, causante deste desaguisado.

Pretenden seguir rebaixando a calidade da nosa democracia, e saír do túnel aumentando a explotación dos traballadores, co peregrino argumento de que cun despedimento gratuíto e salarios baixos, mellorarase a situación económica. Fronte a iso, a verdade é que son os países con maior protección social, cun mercado laboral moi regulamentado e con traballos de calidade e salarios altos, os que mellor preparados están para facer fronte a medio e longo prazo a esta situación.

Ler artigo completo en Vieiros

Enlace a Socialdemocracia (en español)

O “Nunca Máis” segue vivo en Galicia

fucobuxancom_nm

Palestina foi a causa xusta e solidaria, e polo tanto, totalmente altruísta, que auto convocou a máis de quince mil galegos na nosa capital hai doce días1. Esta non foi unha convocatoria que se fixera desde ningún organismo oficial, nin tampouco os partidos políticos tiveron un protagonismo especial.

Foi a propia sociedade civil, unha ampla plataforma de asociacións cidadás, que a través do traballo en rede, organizaron esta enorme forza social. E polo tanto, produto da xeración espontánea ou dunha organización típica tradicional?

Agora, que xa estamos chegando ao día 1 de marzo, e estamos convocados para elixir – eu quero crer, reelixir – a un novo presidente da Xunta de Galicia e un novo parlamento autonómico, quizais sexa interesante lembrar que foi a carraxe do noso pobo, ante a desidia do derradeiro goberno Fraga e a súa xestión no naufraxio do “Prestige”, e que encheron de chapapote as nosas costas. E ademais, supuxo un revulsivo que cambiou o panorama político galego e deu lugar a unha das máis belas situacións que nestes casos casos pódese dar: os voluntarios e as xentes do mar, que coas súas propias mans lavaron a rochas e areas das nosas praias.

Foi ese movemento popular que botou ao PP á oposición e lle permitiu aos, hoxe dous partidos coaligados na Xunta de Galicia, PSdeG e BNG, abrir unha anovada etapa cara a outra Galicia que quere ser máis sociedade, que quere ser máis democracia avanzada.

E realmente, por si algo se caracterizaron – coincidindo coa dereita – o bipartito foi por non ter en conta, precisamente, ao movemento cívico do “Nunca Máis” e aos seus herdeiros. Para os partidos, este xa xogara o seu papel, e agora empezaba a ser molesto. Sobre todo, por se consolidaba a idea entre a poboación de que hai que fiscalizar a vida política. Esixir a cada un as responsabilidades que lle corresponde, tanto como goberno como na oposición.

Incluso desde o nacionalismo se combateu a unha parte da base social deste movemento. Non é anecdótico a ruptura do “ecoloxismo nacionalista” no País. Pero, a pesar de todo, os grupos de base, reorganizaron o seu traballo e incluso, xurdiron novas redes incómodas, pero necesarias: Galicia non se vende ou o propio Comité Cidadán de Emerxencia, consolidaron a súa presenza social.

Teño comentado que os partidos de esquerdas, especialmente o partido socialista, debe ter unha teima principal na relación coa sociedade, especialmente cos movementos sociais reivindicativos e alternativos. Estamos a facer o suficiente para asumir as demandas cidadás? Escoitamos aos movementos sociais? Entendemos, que entidades sociais como os diversos Comités e plataformas de defensas das nosas rías, ou contra a especulación urbanística, ou da memoria histórica, son aliados no necesario avance democrático? Entendemos que se considere que o cambio en Galicia vai lento? Sabemos que estes movementos son aliados estratéxicos nosos?

En calquera caso, é evidente que no dezaoito de xaneiro en Compostela, a sociedade galega – simbolizada no seu día tamén por “Nunca Máis” – segue viva. Afortunadamente para o conxunto da esquerda, e en especial do principal beneficiario até de agora: o Partido Socialista.

Viva Palestina libre! Viva o “Nunca Máis”!

1Especialmente relevante se temos en conta a relación porcentual coa poboación total de Galicia

Megasa: Readmisión despedidos!

megasa_230109_xulgado

Onte, se non lembro mal foi o décimo séptimo día de folga xeral en Megasa Siderúrxica. Levamos trece meses sen convenio; as peticións dos traballadores son máis que razoables, sobre todo nunha empresa que hai pouco facturou vinte millóns de euros de beneficio neto. Basicamente, os traballadores piden achegarse ao convenio provincial – un acordo de mínimos, como sabedes – nas cuestións sociais… prexubilacións e contratos relevo, dous días de libre disposición, categorías profesionais, cen por cento en caso de accidente, plus por traballar os sábados e os domingos…

A empresa pretende aproveitar a situación social, para liquidar todo tipo de movemento obreiro organizado. Aínda que co dez por cento do que leva perdido coas folgas xa pagaba o convenio. E non contento con iso despide a dous traballadores, aos que practicamente os acusa de todo tipo de tropelías. Por se non abonda, cambiaron de bufete; agora teñen nada menos que aos de Garrigues Walker, que como sabedes un dos máis caros de España. Moitas molestias para combater a uns poucos traballadores.

Onte foi o xuízo polo despedimento do compañeiro Emilio, membro ademais do Comité de Folga, proximamente tocaralle ao compañeiro Alberto. A verdade que en isto dos xulgados úsase moito a  Retórica. Trátase de adornar a palabras, de ser politicamente correcto para xogar ao mundo das aparencias. De iso, de demostrar do bo que é a Empresa, de que cumpre, de que faille un favor á sociedade, en especial á xente que contrata. E de se hai problemas, a culpa sempre é de quen morde a man que lle dá de comer. Como vedes, pouco cambiou o capitalismo dende hai tres séculos. Hai xente que aspira a degradar a democracia, até convertela na ditadura do capital.

Chámame a atención iso da igualdade ante a Lei. Como van ser iguais os traballadores que teñen unha relación laboral, e polo tanto, de dependencia co seu empresario? Pode un traballador contratar ao despacho de Garrigues Walker? Pode xogarse o seu posto de traballo? De que igualdade falamos?

Afortunadamente, hai dúas cousas a favor dos traballadores de Megasa: que son xustas as súas reivindicacións, e que o servizo xurídico da UGT de Ferrol, é dos mellores. A avogada do sindicato, Victoria, volveu a demostrar a súa gran competencia, e que por moito despacho madrileño con caché, Megasa ten a credibilidade que ten.

Confiemos na Xustiza, e na capacidade do xuíz que pronto resolverá este despido. Megasa: readmisión despedidos, e un convenio xusto!