O BNG de Fene en caída libre?

limpando-o-baston-ivan

Acaba de romper o BNG o goberno municipal de Fene, que está encabezado polo amigo e alcalde socialista Iván Puentes. Malas novas para o conxunto das forzas progresistas.

Os argumentos dos nacionalistas, do seu voceiro e dirixente da UPG Manuel Polo, son cando menos “insubstanciais”: falta de “dinamismo” do propio Iván, do concelleiro de Facenda e Urbanismo “Lalán” e practicamente do conxunto do grupo socialista. Xa se sabe, estes “roxos”… vagos e maleantes, como aínda din os de dereitas. Eses que levan nesta etapa facendo pinza co propio BNG fenés en contra do Alcalde e do Partido Socialista.

O problema radica en que tras máis de dúas décadas de gobernos de maioría absoluta do nacionalismo fenés, aínda non se afixeron á nova realidade, xunto con que a propia Administración fenesa segue a ser unha imaxe da propia composición interna do BNG local, sobre todo en postos administrativos clave.

O ataque a Iván é un intento á desesperada de que non se consolide a hexemonía socialista en Fene. Pero, quizais estrañara o ataque a Lalán – porque se por algo se destaca é por un exacerbado dinamismo – senón fóra porque desde a UPG ven a posibilidade de atacar a quen compatibiliza as súas funcións municipais coa Coordinación do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Quizais, agora, desde fóra tamén vexan porque na cidade de Ferrol non lle perdoan ao Coronel Paco Rodríguez o seu apoio a Reganosa.

Unha nota ao marxe: supoño que Iván, agora sabe do erro que cometeu aceptando a dimisión como edil do anterior voceiro socialista, Antón Noceda, tras os seus enfrontamentos co grupo municipal do BNG. O obxectivo do nacionalismo fenés dirixido polo upegallo Manuel Polo non era contradicir o “mal carácter” do amigo Antón, senón o propio Alcalde e o partido socialista. Por certo, que pensan os do Colectivo “Avante” do anterior Alcalde Xosé Rivera Arnoso? En todo caso, a Antón xa o víchedes onte no Diario de Ferrol (a foto é de J. Sarmiento), ao lado de Iván e José Antonio, actual voceiro socialista.

Hai tamén dentro do BNG, máis acentuado na comarca ferrolá, a idea de que están en caída libre e lles prexudica estar en coalición cos socialistas (en Pontedeume seguen a ter alcalde do PP en minoría, por isto tamén). Hai quen considera que lles iba mellor cando Fraga gobernaba e eles estaban ao fronte da oposición. Evidentemente, é máis fácil iso que gobernar.

Seguir lendo

En campaña

Vaise achegando o 1 de marzo, data que imos compartir os galegos cos vascos. Hoxe estivo en Ferrol o Presidente Touriño nun paseo electoral polo barrio de Recemil, até chegar á Praza de Armas, onde está situada a Casa Consistorial. Non teño dúbida de que vaise reeditar o pacto de goberno do PSdeG – PSOE co BNG.

O PP vai baixar. O axente 009 xa ten bastante co que acontece no seu partido, como para ter algunha opción, e a iso hai que sumarlle que até hai uns días tiña como candidato a Conselleiro de Economía a un tiburón das Illas Caimán. En fin…

Na pre-campaña nesta comarca, destacou o acto do PSdeG no Concello de Narón o pasado 6 de febreiro. Un mitin con catro mulleres socialistas, impensable nas outras forzas políticas: Katy García, Bea Sestayo, Carmela Silva e Mar Barcón.

Foi un mitin, onde houbo xente que tivo que marchar por falta de sitio. Narón, unha vez máis, amosou o seu potencial de crecemento do proxecto socialista. A dirección do PSdeG e do propio PSOE o deberan ter en conta. Unha aposta por Narón en serio, reportaría grandes beneficios políticos aos socialistas.

Déixovos cunhas fotos que saquei nese día  (pinchade nelas para agrandalas); e o vídeo superior é de A Nosa Terra, que tamén estiveron alí.

naron_carmela_12naron_carmela_2naron_carmela_5

naron_carmela_41

Carmela Silva en Fene

carmela_fene111208_33

Este xoves, na comarca de Ferrol, tivemos ocasión de escoitar á actual voceira do Senado polo PSOE, Carmela Silva. Estivo en Fene invitada polo seu alcalde, Iván, e a Agrupación do PSdeG.

Este foi un acto público diferente aos que estamos acostumados. Aí, atrás, cando foi elixida voceira socialista escribín que Carmela ía dar moitas sorpresas. Quedou claro que a pesar do nivel que como voceira parlamentaria está, non sofre o chamado “mal de alturas”.

Mágoa de non ter gravada a súa intervención. Soubo explicar as políticas do Presidente Zapatero, das políticas económicas e sociais, que o PSOE está a desenvolver nesta situación de crise económica, co nivel suficiente de autocrítica, dun xeito que calquera a pode entender, sen botar man de estatísticas ou eufemismos, as cales moitos políticos están a feitos.

A súa intervención foi pausada, didáctica e nunha linguaxe preto da xente. Non falaba o político profesional, senón unha persoa que vive na súa casa, que toma café onde o toman os demais. A verdade ca xente que estaba presente, viron que podía serlles alguén moi familiar.

Previamente, o amigo Antón Noceda (concelleiro neste concello), e o senador Xavier Carro falaron. E, evidentemente, outra vez Iván. O alcalde – resúltame difícil chamalo así – todos e todas o chamamos polo seu nome, fixo unha das súas intervencións típicas. De esas que combina paixón, vehemencia e arrase. Carmela e Iván son un bo cartel para un mitin. A verdade que a sintonía entre eles foi inmediata. Representan o mellor dos “novos” dirixentes socialistas galegos.

Ao longo da tarde foi divertido ver como mentres saltabamos de tema en tema, resolvían asuntos propios dos seus cargos. Houbo momentos na que practicamente todos, Carmela, Iván, Antón, María, Ruth, estaban a falar polos seus móbiles. Iso sen contar co maratón mediático que lle preparamos a Carmela, entrevistas en Localia, Diario de Ferrol e Radio Fusión (Radio Fene).

Que me perdoen estas pequenas intimidades (e pinchade nas fotos até agrandalas) .

carmela_fene1112082carmela_fene111208_21carmela_fene111208_41carmela_fene111208_51