Acaba o Gobernador do Banco de España de pasar pola Comisión de Orzamentos do Congreso dos Deputados, e segue a pedir reformas laborais, baixada de salarios e máis subempregos para os traballadores, desregulamentos e traspaso de rendas do traballo a rendas do capital. Defende que a crise a paguemos, en exclusiva, as clases populares.
Mágoa que o Sr. Fernández Ordóñez non afirmara que a crise das Caixas de Aforros vén dada precisamente polos métodos privados de xestión. Que non afirmara a necesidade dunha forte banca pública ao servizo de políticas expansivas, que reparen as feridas económicas produto da voracidade dunha clase empresarial especuladora.
O Gobernador tamén esqueceu falar da necesidade que ten a nosa economía dun forte sector enerxético, que só sería posible coa re – nacionalización das grandes corporacións, e que están formando un oligopolio, deixando indefensos aos consumidores fronte aos seus abusos.
Por non falar da necesaria reforma nas estruturas das empresas. Acaso non é unha medida de eficiencia económica, de antídoto contra a deslocalización, de saúde democrática, a participación dos traballadores na propia xestión nas medias e grandes empresas?