Malos tempos para a lírica

rodinpensador

Si, recoñezo que levo un tempo descoidando os contidos deste blogue. Pero, tamén é certo que tamén estamos en crise. Unha crise identitaria, de reubicación, de readaptación a unha realidade que por momentos supera a un. Ando dando saltos, sen o acougo necesario.

Van xa trece meses de conflito na miña empresa, e catro de cambio á sección de Acería; basicamente, a dirección da Megasa pretende usala negociación do convenio colectivo e a situación social para facernos retroceder varias décadas nos dereitos dos traballadores. Estamos nun longo conflito, e soamente se logramos resistir, lograremos consolidar as nosas posicións.

A vida familiar, con dúas nenas moi pequenas ocupa tamén moito tempo. Non o boto en falta, pero son consciente de que iso réstame tempo – sumado ás longas xornadas do traballo – para pensar, madurar, depurar e escribir. Tamén, é certo que hai tempo que xa pasei as febres bitacoreiras e agora, quizais – aínda que non o consigo – gustaríame publicar o verdadeiramente interesante, que modestamente, un poida aportar a este novo oficio de “periodista on line”.

Tamén é certo que ando revolvendo en iso do Facebook, que entrei aconsellado polo amigo Jordi Pedret. Pero, tamén asinei o manifesto “Sumando Ideas”, ou “Se resides, decides”. No primeiro caso, son crítico co propio manifesto, xa que creo que hai que ir alén da mera declaracións de intencións; hai no conxunto do partido socialista galego unha falta de valentía. E no segundo caso, porque considero que quen vive na casa, é quen ten que decidir; porque distorsiona a vida política galega e porque quero que as forzas políticas galegas maduren; ademais, obviamente, de que os que viven con nós, pero non teñen a nacionalidade, tamén deberan ter os meus mesmos dereitos.

Volvendo ao PSdeG – PSOE. Realmente as únicas persoas que apostan no socialismo galego teñen nome de muller: Carmela Silva, Mar Barcón, Laura Seara, Loli Amoroso… Realmente, son o único novidoso do meu partido, que ultimamente ten a agulla mareada. Si, prometo publicar (ou ameazo) unha reflexión sobre o rumbo que debemos tomar como partido socialista e galego.

En campaña

Vaise achegando o 1 de marzo, data que imos compartir os galegos cos vascos. Hoxe estivo en Ferrol o Presidente Touriño nun paseo electoral polo barrio de Recemil, até chegar á Praza de Armas, onde está situada a Casa Consistorial. Non teño dúbida de que vaise reeditar o pacto de goberno do PSdeG – PSOE co BNG.

O PP vai baixar. O axente 009 xa ten bastante co que acontece no seu partido, como para ter algunha opción, e a iso hai que sumarlle que até hai uns días tiña como candidato a Conselleiro de Economía a un tiburón das Illas Caimán. En fin…

Na pre-campaña nesta comarca, destacou o acto do PSdeG no Concello de Narón o pasado 6 de febreiro. Un mitin con catro mulleres socialistas, impensable nas outras forzas políticas: Katy García, Bea Sestayo, Carmela Silva e Mar Barcón.

Foi un mitin, onde houbo xente que tivo que marchar por falta de sitio. Narón, unha vez máis, amosou o seu potencial de crecemento do proxecto socialista. A dirección do PSdeG e do propio PSOE o deberan ter en conta. Unha aposta por Narón en serio, reportaría grandes beneficios políticos aos socialistas.

Déixovos cunhas fotos que saquei nese día  (pinchade nelas para agrandalas); e o vídeo superior é de A Nosa Terra, que tamén estiveron alí.

naron_carmela_12naron_carmela_2naron_carmela_5

naron_carmela_41