Estes días a Radio Galega comentaba que desde o Gabinete da Presidencia do Goberno de España, estaban a ter conversas cos dirixentes sindicais de UGT e CCOO. A crise económica embarga xa todo o discurso político e, cada vez está máis claro, que lonxe de maximalismos é necesario un gran acordo que cando menos acade o nivel que no seu día tiveron os Pactos da Moncloa, e serviron de base para o cambio político que alumeou aquela democracia moza e un novo Estado.
Mais, hai quen que como xestores provocaron esta crise social, pretenden neste río revolto – onde o conxunto das esquerdas andan desorientadas – seguir coa política neoliberal, causante deste desaguisado.
Pretenden seguir rebaixando a calidade da nosa democracia, e saír do túnel aumentando a explotación dos traballadores, co peregrino argumento de que cun despedimento gratuíto e salarios baixos, mellorarase a situación económica. Fronte a iso, a verdade é que son os países con maior protección social, cun mercado laboral moi regulamentado e con traballos de calidade e salarios altos, os que mellor preparados están para facer fronte a medio e longo prazo a esta situación.