Carmelo Teixeiro:
Compañeiro. Amigo. Camarada. Cristián. Socialista. Bazán. UGT. Liberdade. Igualdade. Democracia. Progreso. Mugardés. Ferrolán. Ferrolterrán. Ría de Ferrol. Comité Cidadán. Razón Socialista. Fuco Buxán. Carmelo.
Hoxe é un mal día para o Presidente da Xunta de Galicia. A pesar de ser un día laborable, a pesar da presión mediática da dereita española, onte as rúas de Compostela estiveron ateigadas de xentes vida de todo o País, de todas as cores. Feijóo sabe que ten que rectificar co galego; reincidir no ataque ao País supón cuestionar a súa capacidade para dirixir o Goberno galego. Non hai Galicia sen galego. Non hai Goberno que resista contra o galego.
Claro que iso obrígalle a enfrontarse cos sectores máis carcas do PP español, con aqueles sectores que apoiándose nun mundo mediático de dereitas queren impor como única lingua oficial o castelán. A pretensión de inmersión lingüística en castelán, e a prohibición de facto das demais linguas españolas, queda fóra da Constitución e dos Estatutos de Autonomías das Nacionalidades Históricas; ademais, non deixa de ser un xeito de amosar o carácter separatista da dereita. Herdeiros históricos e histéricos de aqueles que expulsaron da unidade peninsular aos portugueses, agora parecen que non van parar até botarnos a galegos, vascos e cataláns.
España é a suma de todos os seus pobos e dos seus cidadáns, incluídas as persoas que veñen de fóra das nosas fronteiras, sexan estas europeas ou de alén. España é a suma das súas culturas e linguas.
Fuco Buxán estivo en Compostela, como parte desa babel de cores socio – culturais, políticas, sindicais, etc. Para pedirlle ao Presidente Feijóo que rectifique e volva ao campo democrático e de defensa desta cultura, deste País. De seguir facendo oídos xordos a sociedade galega terá dereito a abrir unha nova etapa política. Un Presidente que non exerce de galego debe dimitir e convocar eleccións para que os cidadáns teñan a oportunidade de reconducir a situación e pór ao fronte do País a quen si crea nel.
(Diario de Ferrol, 2 febreiro 2010)
Utilizo a imaxe do Apalpador, creada polo amigo Leandro Lamas, para voz felicitar o Nadal e o vindeiro 2010. Para todos e todas: amigas/os persoais, aos que coñezo a través de Fuco Buxán, do Facebook, así como aqueles compartimos militancia socio – cultural, sindical ou nas esquerdas.
Un saúdo agarimoso e laico, baixo a imaxe da figura mítica navideña do pobo galego.
Vai para oito anos que comezaron as obras de remodelación da Praza de España de Ferrol e aínda queda un bo treito antes de que, a que sen dúbida é un dos lugares máis emblemáticos da cidade, volva a poder ser ocupada e humanizada polo uso diario dos cidadáns.
Se ben é certo que no mandato de Xaime Bello e Amable Dopico empezan o que son as obras dentro da Praza de España, coa retirada da Estatua do Cabalo, feito este último demandado pola cidadanía democrática e amplamente celebrado no seu día; é ben certo, que xa de antes estaba chafada a sorte desta praza. Hai que lembrar que onde hoxe levántase o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia e un voluminoso grupo de vivendas privadas de alto nivel, nos anos noventa, o famoso aparcadoiro estaba proxectado no seu solar (de propiedade municipal), con dúas plantas subterráneas. E xunto coas oficinas da Administración Autonómica, ían ir un centro público da terceira idade e falábase tamén dunha residencia universitaria. Aquel solar foi cedido nun pelotazo, dentro dunha xeira de irregularidades urbanísticas causando unha perda patrimonial para a Cidade de Ferrol.
Quizais, visto desde hoxe resulte rechamante, que os que defendíamos o Ben Público – un coñecido grupo de militantes socialistas – tiveramos que sufrir unha denuncia penal por “suposta difamación” e unha proposta de expulsión do noso partido, ambas archivadas finalmente; máis estou convencido de que se fose hoxe, aquel concelleiro de urbanismo denunciante sería cesado, e con toda probabilidade a súa executiva local disolta.
En fin, un bo negocio privado e un mal negocio para o Concello. En calquera caso, o que pretendo dicir é que a planificación da Cidade – que ten que ser a medio e longo prazo e cun amplo consenso político e social – non pode estar hipotecada polos intereses particulares.
Hai que salientar que neste mandato municipal foi positivo que inicialmente se paralizaran as obras, que co apoio da entón Consellería de Ordenación do Territorio – socialista – se rescataran a pesar do alto custe económico, e creo que unha xestión razoable do actual concelleiro de urbanismo, Ánxel Mato, permitirá recuperala dentro do posible e normalizar a vida cidadá neste punto principal da cidade. Outra cousa será o que no futuro poida facerse nela. Probablemente a xestión da actual Corporación sexa para moitos anos, e será outra xeración política quen definitivamente conforme a Nova Praza de España.
É evidente tamén, que o desenvolvemento desta “solución de urxencia”, incluído o uso do subsolo, segue sometida aos avatares do desencontro das esquerdas. A ruptura municipal da coalición entre o Partido dos Socialistas de Galicia e Esquerda Unida representa un fracaso para esta cidade, e nun primeiro término para as formacións locais que están obrigadas a nos representar axeitadamente.
Uns parecen que tarde déronse conta que nove son menos que trece, con serios riscos de enfadar aos seus electores situados máis á esquerda, e que a dereita local traballa pola derrota do actual alcalde, obviamente; e outros, quizais crean que atoparon un xeito de facer valer o seu peso. É evidente que coa actual situación Esquerda Unida amosa que son imprescindibles para a estabilidade política do Concello de Ferrol, e ao mesmo tempo, poden marcar sen pudor as súas diferenzas co Partido Socialista; a peaxe está en que a súa influencia real na gobernanza e nos cambios políticos da cidade é moito menor que nun goberno compartido.
Sigo a pensar, que neste tema, así como o que require un proxecto de esquerda para a nosa Cidade, esixe da unión das tres forzas progresistas de Ferrol; da confluencia de socialistas, esquerdistas e nacionalistas. Aqueles cidadáns que asinamos o chamado “Manifesto a prol dun Goberno de Progreso para Ferrol” en outubro de 2008, seguimos a ter razón. E nas eleccións municipais do 2011 os cidadáns darán o seu veredicto. Igual hai sorpresas.
Publicado no Diario de Ferrol (17-12-2009) e no número 27 da revista Razón Socialista (Segundo Semestre, 2009).
Acaba de celebrarse a Conferencia dos Presidentes autonómicos co Presidente Zapatero. A cuestión central estaba en como enfrontarse á crise económica, que ademais contou coa presenza dos axentes sociais. Vaia por diante que basicamente estou de acordo co plantexamento de Geluco Guerreiro; hai unha evidente falta de cultura política sobre o que representa a España das Autonomías, e o papel que deben dese
nvolver os seus Presidentes fronte aos seus partidos.
Dicía Miguel Barros – son consciente que como militante socialista cometo un anatema ao citalo – que cunha aparente descentralización cuasi federal, os partidos estatais o suplían cun reforzamento interno do seu centralismo, que confundían o papel dos Presidentes autonómicos con meros delegados dos seus partidos. O chamado modelo soviético.
Pero, é ben certo que o Presidente de Galicia, Sr. Núñez Feijóo errou no papel que desempeñou nesta Conferencia. Levado por esa disciplina interna do PP, esqueceu que como Presidente galego non pode supeditar os intereses xerais da Comunidade aos do Sr. Rajoy, que nin estaba convocado a esta cita, nin se lle esperaba. Tamén, comete un segundo erro; coa súa sobre – interpretación dá a sensación que vese como un Presidente galego momentáneo á espera de dar o salto á política española; en espera de suplir ó propio Rajoy?
En todo caso, tamén é necesario analizar as dúas propostas que fixo o PP español, e que foron rexeitadas: a baixada de impostos e a redución das cotizacións patronais á Seguridade Social. Iso si, disfrazadas dun suposto apoio á pequena e media empresa; saben do impopular de defender abertamente á CEOE e aos grandes grupos financeiros.