Vai para oito anos que comezaron as obras de remodelación da Praza de España de Ferrol e aínda queda un bo treito antes de que, a que sen dúbida é un dos lugares máis emblemáticos da cidade, volva a poder ser ocupada e humanizada polo uso diario dos cidadáns.
Se ben é certo que no mandato de Xaime Bello e Amable Dopico empezan o que son as obras dentro da Praza de España, coa retirada da Estatua do Cabalo, feito este último demandado pola cidadanía democrática e amplamente celebrado no seu día; é ben certo, que xa de antes estaba chafada a sorte desta praza. Hai que lembrar que onde hoxe levántase o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia e un voluminoso grupo de vivendas privadas de alto nivel, nos anos noventa, o famoso aparcadoiro estaba proxectado no seu solar (de propiedade municipal), con dúas plantas subterráneas. E xunto coas oficinas da Administración Autonómica, ían ir un centro público da terceira idade e falábase tamén dunha residencia universitaria. Aquel solar foi cedido nun pelotazo, dentro dunha xeira de irregularidades urbanísticas causando unha perda patrimonial para a Cidade de Ferrol.
Quizais, visto desde hoxe resulte rechamante, que os que defendíamos o Ben Público – un coñecido grupo de militantes socialistas – tiveramos que sufrir unha denuncia penal por “suposta difamación” e unha proposta de expulsión do noso partido, ambas archivadas finalmente; máis estou convencido de que se fose hoxe, aquel concelleiro de urbanismo denunciante sería cesado, e con toda probabilidade a súa executiva local disolta.
En fin, un bo negocio privado e un mal negocio para o Concello. En calquera caso, o que pretendo dicir é que a planificación da Cidade – que ten que ser a medio e longo prazo e cun amplo consenso político e social – non pode estar hipotecada polos intereses particulares.
Hai que salientar que neste mandato municipal foi positivo que inicialmente se paralizaran as obras, que co apoio da entón Consellería de Ordenación do Territorio – socialista – se rescataran a pesar do alto custe económico, e creo que unha xestión razoable do actual concelleiro de urbanismo, Ánxel Mato, permitirá recuperala dentro do posible e normalizar a vida cidadá neste punto principal da cidade. Outra cousa será o que no futuro poida facerse nela. Probablemente a xestión da actual Corporación sexa para moitos anos, e será outra xeración política quen definitivamente conforme a Nova Praza de España.
É evidente tamén, que o desenvolvemento desta “solución de urxencia”, incluído o uso do subsolo, segue sometida aos avatares do desencontro das esquerdas. A ruptura municipal da coalición entre o Partido dos Socialistas de Galicia e Esquerda Unida representa un fracaso para esta cidade, e nun primeiro término para as formacións locais que están obrigadas a nos representar axeitadamente.
Uns parecen que tarde déronse conta que nove son menos que trece, con serios riscos de enfadar aos seus electores situados máis á esquerda, e que a dereita local traballa pola derrota do actual alcalde, obviamente; e outros, quizais crean que atoparon un xeito de facer valer o seu peso. É evidente que coa actual situación Esquerda Unida amosa que son imprescindibles para a estabilidade política do Concello de Ferrol, e ao mesmo tempo, poden marcar sen pudor as súas diferenzas co Partido Socialista; a peaxe está en que a súa influencia real na gobernanza e nos cambios políticos da cidade é moito menor que nun goberno compartido.
Sigo a pensar, que neste tema, así como o que require un proxecto de esquerda para a nosa Cidade, esixe da unión das tres forzas progresistas de Ferrol; da confluencia de socialistas, esquerdistas e nacionalistas. Aqueles cidadáns que asinamos o chamado “Manifesto a prol dun Goberno de Progreso para Ferrol” en outubro de 2008, seguimos a ter razón. E nas eleccións municipais do 2011 os cidadáns darán o seu veredicto. Igual hai sorpresas.
Publicado no Diario de Ferrol (17-12-2009) e no número 27 da revista Razón Socialista (Segundo Semestre, 2009).
Comentario político-partidista que non casa co debate meramente urbanístico. Pois se ben pódese falar con propiedade de que a esquerda distánciase da dereita na concepción pública do espazo urbano, non sabía eu que o liberal-socialismo deste país fixera deste discurso o eixo da súa concepción urbanística. Nin aquí nin na Coruña. Incluso poderiase obviar o debate ideolóxico botando unha mirada obxectiva ao que fan en cidades do norte de Europa gobernadas pola dereita.
A praza de España é un sinsentido urbanístico de moi difícil solución. Primeiro porque non hai nin haberá unha visión integral da cidade por parte das actuais forzas políticas e sociais ferrolás. Segundo, porque seguirán obviándose aspectos básicos do vivir urbano: peatonalización, transporte público, respecto ao patrimonio arquitectónico,.. E isto, na actualidade, non é un debate que interese aos partidos maioritarios.
Non esperaba resposta ao meu comentario, e menos ésta. Cos ánimos aínda alterados pola recente condena da xustiza a uns periodistas da SER por informar e opinar, atópome, sorprendido, coa decisión do autor deste blog de actuar dun xeito similar ao censurar un recente comentario que, en ningún caso, podería molestar. Non incluía ademáis nin termos ofensivos ou insultantes que xustificaran dita decisión. Só unha opinión, nin sequera especialmente discrepante, co texto sobre a Praza de España.
Esperemos que algún problema técnico ou algunha inexplicable falla botase ao lixo aquel inocuo comentario. Ou temos unha dobre bara de medir?
Estimado amigo: estiven varios días sen conexión á rede. Finalmente uns conectores externos oxidados da miña compañía telefónica, a parte de que ando inmerso nunha difícil situación para a miña empresa e outras obrigas.
Si, a situación da Praza de España é un sinsentido. Persoalmente, considero que unha vez que desbotouse a construción do aparcadoiro na súa ubicación orixinal, nos baixos do Edificio Administrativo da Xunta, este nunca debérase ter feito no subsolo da Praza de España. Si, é certo as forzas políticas ferrolás carecen de proxecto de cidade.
Noutro orde de cousas é formo parte do Facebook de apoio aos periodistas da Cadena Ser.
E considérome na esquerda do Partido Socialista. Teño escrito que son un socialista democrático de raíz marxista e galeguista.
Ás veces convén ver as cousas desde outros puntos de vista, e non considerar ao interlocutar, simplemente, como un “mal bicho”.
Apertas e grazas polo interese polo artigo.