Acaba de celebrarse a Conferencia dos Presidentes autonómicos co Presidente Zapatero. A cuestión central estaba en como enfrontarse á crise económica, que ademais contou coa presenza dos axentes sociais. Vaia por diante que basicamente estou de acordo co plantexamento de Geluco Guerreiro; hai unha evidente falta de cultura política sobre o que representa a España das Autonomías, e o papel que deben desenvolver os seus Presidentes fronte aos seus partidos.
Dicía Miguel Barros – son consciente que como militante socialista cometo un anatema ao citalo – que cunha aparente descentralización cuasi federal, os partidos estatais o suplían cun reforzamento interno do seu centralismo, que confundían o papel dos Presidentes autonómicos con meros delegados dos seus partidos. O chamado modelo soviético.
Pero, é ben certo que o Presidente de Galicia, Sr. Núñez Feijóo errou no papel que desempeñou nesta Conferencia. Levado por esa disciplina interna do PP, esqueceu que como Presidente galego non pode supeditar os intereses xerais da Comunidade aos do Sr. Rajoy, que nin estaba convocado a esta cita, nin se lle esperaba. Tamén, comete un segundo erro; coa súa sobre – interpretación dá a sensación que vese como un Presidente galego momentáneo á espera de dar o salto á política española; en espera de suplir ó propio Rajoy?
En todo caso, tamén é necesario analizar as dúas propostas que fixo o PP español, e que foron rexeitadas: a baixada de impostos e a redución das cotizacións patronais á Seguridade Social. Iso si, disfrazadas dun suposto apoio á pequena e media empresa; saben do impopular de defender abertamente á CEOE e aos grandes grupos financeiros.
Baixo o eufemismo da baixada de impostos esconde que unha vez máis, dende a dereita consideran que son os traballadores – o 65% da poboación – os que deben soster fundamentalmente a carga fiscal en España. Xunto a isto, está tamén outra rebaixa da cotizacións patronais – que non son máis que un salario diferido dos propios traballadores – á Seguridade Social, pretendendo que isto sexa un estímulo para a contratación laboral, cando o que evita a consolidación do emprego, e ademais, convértese nunha das principais causas da siniestralidade laboral, é precisamente unha lexislación laxa en defensa dos dereitos sociais e excesivamente favorable á hexemonía e abuso patronal.
Hai unha falacia coa idea de que se hai baixada de impostos e de cotizacións ás clases máis pudientes haberá un capital extra para o investimento no emprego. A práctica amosa precisamente o contrario; precisamente estes feitos están tamén na orixe da crise económica. Por unha banda, o traspaso de rendas do traballo a rendas do capital trouxo que as capas populares tiveran menos recursos, ocasionando un retroceso no consumo; así como, ese capital extra en mans dos grandes financeiros, para aumentar o seu rendemento foi a parar a investimentos especulativos que acabaron nas sucesivas burbullas especulativas, que son base da actual crise económica. En fin, a dereita propón como medidas anti – crise, aquelas que levaron á mesma.
Non hai que esquecer que o Presidente Feijóo está a implementar en Galicia medidas encamiñadas a reducir o salario diferido da maioría da poboación, en aras dunha suposta redución de gastos. Basicamente, están a desmantelar o que quedou sen privatizar da Era Fraga, porque uns dos elementos que levou á derrota da coalición do PSdeG e BNG nas eleccións autonómicas do 1 de Marzo de 2009 – e teño pendente facer unha análise máis detallada da intervención do ex Presidente Touriño, “Galicia na encrucillada” – foi que no fundamental, asumiron como propio o modelo económico herdado da etapa anterior, xunto coas grandes débedas coa sociedade galega – así recoñecido polo propio Pachi Vázquez, actual secretario xeral socialista – como son Reganosa e a Cidade da Cultura. É dicir, está o PP galego desmantelando a sanidade, o ensino e os servizos públicos aínda sen privatizar; cun sistema cando menos novidoso nas formas: oficialmente defenden os servizos públicos, pero, néganse a darche o financiamento axeitado para poder exercitalos adecuadamente. Ao final, teremos que elixir entre uns servizos comunitarios devaluados ou pasarnos ao sistema privado.
Con estes elementos é entendible a oposición en bloque dos presidentes autonómicos do PP.
O novo modelo produtivo, se non quere ser un simple lema, necesita do avance da democracia, é dicir, da participación decisiva dos traballadores na xestión económica, dunha redistribución real da riqueza e dunha política económica expansiva, tendo como base o sector público, e polo tanto, o reforzamento do Estado, tanto a nivel central, autonómico, como municipal.